Un ex conselleiro de Fraga une os camiños de Siemens Gamesa e Greenalia

Antonio Couceiro, na súa etapa como conselleiro de Industria, deu luz verde aos plans de Gamesa para levantar a planta das Somozas, un investimento contemplado nun plan estratéxico que prevía a construción de 20 parques eólicos, algún dos cales remataron en mans de Greenalia, da que é conselleiro. 
Antonio Couceiro Méndez, no medio, xunto o director do Igape, Juan Cividanes, a dereita e Ana Carral,  xefa de Promoción Económica na Dirección xeral de Industria de PEMES (Imaxe: Xunta da Galiza).
photo_camera Antonio Couceiro Méndez, no medio, xunto o director do Igape, Juan Cividanes, a dereita e Ana Carral, xefa de Promoción Económica na Dirección xeral de Industria de PEMES (Imaxe: Xunta da Galiza).

Siemens-Gamesa está a piques de dar un paso máis na súa estratexia de repregamento na Galiza. A compañía, que antes da fusión con Siemens chegou a contar con catro plantas industriais no país, anunciou esta semana a súa decisión de fechar a factoría das Somozas, o que supón deixar na rúa 215 traballadores e traballadoras.

O anuncio de feche prodúcese após 24 anos en funcionamento nos que a planta chegou a concentrar 40% da produción mundial de Gamesa. 

A orixe destas instalacións está vencellada ao plan eólico estratéxico denominado P.E.E. Gamesa e aprobado pola Consellaría de Industria e Comercio, que entón capitaneaba Antonio Couceiro, en decembro  de 1995, con Manuel Fraga como presidente da Xunta. 

Ese plan contemplaba un investimento a 10 anos de 84.000 millóns de pesetas (uns 500 millóns de euros ao cambio) para o desenvolvemento de 20 parques eólicos, cunha previsión de potencia de 660 megavatios (MW). No referente a novas instalacións figuraba a planta de pas das Somozas, cun investimento de 600 millóns de pesetas (uns 3,6 millóns de euros) e unha previsión de creación de 700 novos postos de traballo.

Na resolución, de 29 de decembro de 1995 e asinada polo propio Couceiro, figuraba tamén o compromiso do grupo Gamesa de realizar 74% da fabricación do aeroxerador na Galiza, "ben directamente mediante as súas propias fábricas ou ben mediante subministradores galegos e/ou empresas implantadas na Galiza". 

O fracaso do concurso eólico de Núñez Feixoo

A planta de pas das Somozas era o buque insignia do plan industrial de Gamesa na Galiza, onde a compañía tamén chegou a contar con instalacións industriais en Bergondo, Sigüeiro (a única que mantén na actualidade) e no polígono ourensán de San Cibrao das Viñas. 

O concurso eólico de 2010, con Feixoo no Goberno, truncou os plans da empresa, xa que pasaba dos 142 MW que obtivera no do bipartito a cero. O máximo que apañou foron 168 MW pero como fabricante, non como promotor dos parques. 

Foi entón cando a compañía comenzou o seu repregamento co feche dunha das liñas de produción das Somozas, onde ademais de pas facían os fustes dos eólicos. Nos últimos anos, os desinvestimentos afectaron tamén aos proxectos de parques eólicos.

É aquí onde os camiños de Antonio Couceiro Siemens-Gamesa se volven cruzar. En marzo de 2018, Greenalia, a compañía enerxética da que Couceiro é conselleiro a través da sociedade Norcorporate S.L., notificou nun feito relevante ao regulador do Mercado Alternativo Bursátil (Agora BME Growth) a compra a Siemens-Gamesa de tres parques eólicos por un importe máximo de 560.000 euros.

Eses parques correspondíanse coas filiais Sistemas Enerxéticos do Umia, que promovía o parque de Alto da Croa II, de 14 megavatios: Sistemas Enerxéticos Alto da Croa, impulsora do parque Alto da Croa, de 8 megavatios, e Sistemas Enerxéticos Edreida, que está detrás do parque de Monte Tourado, de 6 megavatios de potencia. 

Polo futuro da planta

Greenalia tamén podería ter moito que dicir no futuro da planta das Somozas. Segundo recoñeceu a Nós Diario o presidente do comité de empresa, Sergio López (UXT), se Siemens-Gamesa teima na súa decisión de fechar pese ás facilidades que dan desde as diferentes administracións, debería acceder a ceder a factoría a un terceiro actor. 

Nese senso, indicou que xa mantiveron encontros con diversas empresas eléctricas para tantear o seu posíbel interese na planta e que dalgunha delas arrincaron o compromiso de que se apostan na planta das Somozas comprarían as máquinas aquí.

Greenalia xa amosou no seu día a súa intención de deixar na Galiza o maior beneficio posíbel, ben a través da súa fundación, que dirixe a tamén ex conselleira popular Beatriz Mato, ou ben a través de acordos comerciais, como o que pretende asinar con Navantia para a construción na ría de Ferrol das estruturas para o seu primeiro parque eólico nas Canarias

Nesta liña, Sergio López considera que as administracións teñen que meter máis presión nese sentido, no de promover que as compañías interesadas en executar todos os desenvolvementos eólicos que están en proxecto aposten por empresas locais. "Non pode ser que entren pas de Portugal no Estado español cando a nós nos están fechando", lamenta o presidente do comité das Somozas.

Comentarios