venres 03.04.2020

Mato prolonga o idilio da política coas empresas do sector enerxético

Ex presidentes do Estado español como José María Aznar e Felipe González están nos consellos de grandes eléctricas.
Beatriz Mato (Europa Press / arquivo).
Beatriz Mato (Europa Press / arquivo).

A fichaxe de Beatriz Mato por Greenalia segue a destapar as conexións e portas xiratorias existentes, desta vez entre as empresas dos sector enerxético e a política. Casos como os de Leopoldo Calvo Sotelo e Felipe González en Fenosa (despois Gas Natural) e o de José María Aznar en Endesa, son só a punta do iceberg.

Na Galiza, como destaca a organización ecoloxista Adega, existen tamén exemplos como o de Carlos del Álamo, conselleiro de Medio Ambiente con Fraga, que entrou en Ence logo de que o Partido Popular perdera a Xunta. No consello de administración da pasteira coincidiu con Isabel Tocino, ministra de Medio Ambiente, e Pascual Fernández, secretario de estado de Augas e Costas no Goberno de Aznar. As decisións tomadas por estes responsábeis públicos no exercicio dos seus cargos foron determinantes para o mantemento de Ence en Lourizán, denuncian desde a asociación ecoloxista. 

Agora Mato desembarca noutro proxecto contestado para o que, segundo Adega, a Xunta de Feixoo fixo unha modificación da lei "á carta". Refírese á substitución do límite de 10 megavatios (MW) para instalacións de xeración a partir de biomasa aprobado polo bipartito polo de 50 MW. Ese cambio produciuse cando o proxecto de Greenalia para levantar unha planta en Curtis xa comezara a súa tramitación.

Pero a planta non é o único exemplo da unión entre a Xunta do PP e o que Adega denomina o lobby enerxético-pasteiro. Na etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente, a Xunta autorizou 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu axudas e subvencións por valor de 2 millón de euros ás empresas do grupo, pese a que os proxectos amosaban graves afeccións ambientais.

comentarios