EUA podería non poder pagar a súa débeda o 1 de xuño

Janet Yellen, secretaria do Tesouro de Estados Unidos de América (EUA), pide suspender o teito de endebedamento coa intención de facer fronte ás obrigas legais existentes, incluídas as prestacións da Seguridade Social.
A secretaria do Departamento do Tesouro de EUA, Janet Yellen (Foto:Al Drago - Pool Via CNP / Zuma Press).
photo_camera A secretaria do Departamento do Tesouro de EUA, Janet Yellen (Foto:Al Drago - Pool Via CNP / Zuma Press).

A secretaria do Tesouro de Estados Unidos de América (EUA), Janet Yellen, avisou esta terza feira que o país podería incorrer nunha falta de pagamento da súa débeda nacional.

Nunha carta ao presidente da Cámara de Representantes, o republicano Kevin McCarthy, a secretaria estimou que o Executivo deixará de poder cumprir as súas obrigas gobernamentais "a principios de xuño, potencialmente o 1 de xuño, se o Congreso non eleva ou suspende o límite de débeda antes de entón".

Diante desta situación, Yellen urxiu ao Congreso norteamericano para que aprobara canto antes unha suspensión do seu teito de endebedamento.

A representante do Tesouro tamén notificou a situación por carta ao líder dos demócratas na Cámara Baixa, Hakeem Jeffries; ao líder do Senado, o tamén demócrata Chuck Schumer, e ao conservador Mitch McConnell, principal figura da oposición republicana nesa cámara.

Ambos os dous remitiron un comunicado conxunto no que afirman que hai que "deixar atrás intereses partidistas e facer o correcto e o necesario para os estadounidenses" para "evitar as catastróficas consecuencias para a nosa economía e millóns de familias". 

Situación inédita

O límite da débeda é a cantidade total de diñeiro que o Goberno dos EUA ten autorización para pedir prestado coa intención de facer fronte ás súas obrigas legais existentes, incluídas as prestacións da Seguridade Social, os salarios militares, os intereses da débeda nacional, as devolucións de impostos e outros pagos.

Na actualidade  o teito da débeda está fixado en 31,381 billóns de dólares. 

EUA nunca tivo que declarar a suspensión de pagos da súa débeda nacional, mais cada certo tempo achégase a esa posibilidade porque, a diferenza doutros países, o seu Goberno só pode emitir débeda até o límite estabelecido polo Congreso, que ten o poder de elevar ese teito segundo vexa conveniente. 

Yellen alertou de que situacións similares no pasado demostraron que "esperar até o último minuto para suspender ou incrementar o teito de débeda pode provocar un dano grave á confianza de empresas e consumidores, aumentar os custos de endebedamento a curto prazo para os contribuíntes e afectar negativamente a cualificación crediticia do país".

Comentarios