España é o décimo sexto Estado do mundo cun maior gasto militar

Estados Unidos (EUA) mantense entre os tres países con maior gasto en Defensa en todo o mundo, xunto a Rusia e China. Só este trío acapara 56% dos gastos, con Estados Unidos de novo na cabeza por causa dos seus 877.000 millóns de dólares, 39% do gasto militar mundial.
Soldados do exército español nunha imaxe de arquivo (Foto: Andreu Esteban / Europa Press).
photo_camera Soldados do exército español nunha imaxe de arquivo (Foto: Andreu Esteban / Europa Press).

O gasto militar mundial alcanzou un novo récord, de 2,24 billóns de dólares, disparado principalmente polo aumento dos investimentos en Europa, de 13%. O Estado español sitúase en décimo sexta posición nunha contorna global que alcanza niveis similares aos da Guerra Fría.

Así figura no informe anual elaborado polo Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), que sitúa España como o décimo sexto Estado do mundo con máis gasto militar, con 20.300 millóns de dólares. O dato representa un aumento de 7,3% con respecto aos datos de 2021, pero 28% máis se se comparan cos de 2013.

O instituto inclúe tamén entre os países con subidas máis pronunciadas no gasto a varios próximos ás fronteiras rusas e ucraínas: Finlandia (+36%), Lituania (+27%), Suecia (+12%) e Polonia (+11%).

En termos xerais, o gasto militar dos países de Europa Central e Occidental ascendeu a 345.000 millóns de dólares en 2022, o que en termos reais implica superar por primeira vez os datos de 1989.

O gasto militar dos países membros da OTAN foi de 1,232 billóns de dólares en 2022, 0,9% máis que en 2021.

Os Estados que máis gastan

Estados Unidos (EUA) mantense entre os tres países con maior gasto en Defensa en todo o mundo, xunto a Rusia e China. Só este trío acapara 56% dos gastos, con Estados Unidos de novo na cabeza por causa dos seus 877.000 millóns de dólares, 39% do gasto militar mundial.

O aumento de 0,7% en termos reais do gasto estadounidense sería aínda maior de non ser pola elevada inflación, segundo o SIPRI, que tamén constata no caso do país norteamericano os efectos da guerra en Ucraína, en particular a axuda proporcionada a Kiív -de 19.900 millóns de dólares- para facer fronte á guerra.

China mantívose como o segundo país con maior gasto militar do mundo en 2022: uns 292.000 millóns de dólares, 4,2% máis. O xigante asiático mantén unha tendencia á alza durante 28 anos, á vez que tamén soben os datos do veciño Xapón, que alcanza os 46.000 millóns de dólares tras destinar un 5,9% máis.

En cuarto lugar sitúase a India, que elevou o seu gasto 6%, até os 81.400 millóns de dólares, e Arabia Saudí figura na quinta praza, ao subir 16%, até os 75.000 millóns de dólares. No caso saudí, é o primeiro aumento desde o ano 2018.

O investigador Nan Tian, do Programa de Gasto Militar e Produción de Armas do SIPRI, advertiu de que "o continuo aumento do gasto militar mundial nos últimos anos é un signo de que vivimos nun mundo cada vez máis inseguro.

"Os Estados están a reforzar a súa forza militar en resposta á deterioración da contorna de seguridade, que non prevén que mellore nun futuro próximo", afirmou.

Comentarios