Transparencia pide publicar un informe contra un xefe militar español que suxeriu unha intervención en Catalunya

O tenente xeneral José Mena era entón xefe da Forza Terrestre do Exército español.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o xeneral Juan Francisco Arrazola Martínez na celebración da Pascua Militar na Coruña, o pasado 6 de xaneiro (Foto: Xunta).
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o xeneral Juan Francisco Arrazola Martínez na celebración da Pascua Militar na Coruña, o pasado 6 de xaneiro (Foto: Xunta).

O Consello de Transparencia do Estado español instou ao Ministerio de Defensa a facer público o informe redactado polo Xefe de Estado Maior da Defensa (Xemad) no ano 2006, o xeneral Félix Sanz Roldán, recomendando a destitución dun tenente xeneral que advertía dunha posíbel intervención do Exército no caso de que o Estatut de Catalunya "superase os límites da Constitución española".

Os feitos remóntanse á celebración da Pascua Militar en 2006, cando o tenente xeneral José Mena, entón xefe da Forza Terrestre do Exército, pronunciou un discurso na Capitanía Xeneral de Sevilla advertindo de que se "os límites infranqueábeis" que marca a Constitución español eran pasados por algún Estatuto autonómico, "sería de aplicación o artigo oitavo da Constitución", que regula a actuación das Forzas Armadas.

Estas palabras motivaron un informe redactado polo entón Xemad, Félix Sanz Roldán, despois director do Centro Nacional de Intelixencia (CNI). Nel, propuña ao ministro de Defensa, José Bono, a destitución do tenente xeneral polas súas palabras na Pascua Militar. Bono citou ao oficial ao día seguinte no seu despacho para comunicarlle o seu cesamento e oito días de arresto domiciliario.

Defensa alega que non o ten

Nove anos despois, o Consello de Transparencia do Estado español urxiu a Defensa a facer público o informe redactado por Sanz Roldán, despois de que o Estado Maior da Defensa alegase que o documento non consta nos seus arquivos.

Ante a petición dun cidadán para obter esta información, o Estado Maior da Defensa respondeu a Transparencia que non dispoñía do informe nos seus arquivos de xestión posto que neles "só se conserva a documentación en trámite ou sometida a continua utilización e consulta administrativa polas mesmas oficinas". E alegou que tampouco constaba no seu arquivo central, onde se realizou unha procura "sen que este informe se atopase nel".

Pero ademais, o Xemad argumentaba que a xestión dos arquivos militares está suxeita ao real decreto de Regulamento de Arquivos Militares, "norma que prevé un réxime específico de acceso á información neles custodiada".

Con todo, o Consello de Transparencia do Estado español aceptou a reclamación do demandante da información, que insistiu en que o informe debía ser achegado polo Ministerio de Defensa, receptor do mesmo, e non polo XEMAD.

Os detalles, no arquivo de Bono

A proba de que este documento foi recibido no Ministerio é que o entón ministro, José Bono, inclúeo no seu arquivo persoal, como revelou Voz Pópuli, que asegura que Sanz Roldán fixo unha investigación máis exhaustiva para saber se o Exército español apoiaba as teses do xeneral Mena.

"José Mena Aguado foi o primeiro tenente xeneral arrestado desde a Guerra Civil. O Día da Pascua Militar, en Sevilla, pronunciou un discurso lanzando unha andanada pública contra o Estatuto de Autonomía de Catalunya. Confundiuse o militar. Pasou unha fronteira que en democracia non poden traspasar os militares. Había que actuar e actuouse", xustifica o propio Bono na páxina web que recolle o seu legado.

Entre os documentos, Bono publica o informe completo que lle remitiu Sanz Roldán tras solicitar a opinión de xenerais, oficiais e suboficiais das Forzas Armadas españolas. Nel, o entón XEMAD apuntaba que as palabras do xeneral Mena foran "extemporáneas, inconvenientes e xeradoras de división".

"Volver a unha situación de declaracións de tan marcado carácter político, que pon ao Exército en situacións xa sobrepasadas, non o xustifica ninguén", sostiña Sanz Roldán, que engadía que os militares de forma xeneralizaba rexeitaban un discurso de tan marcada "parcialidade e falta de neutralidade política".

Comentarios