Os encoros galegos nas marxes da lei

O prazo máximo de explotación dunha concesión hidráulica é de 75 anos desde a súa entrada en funcionamento. Unha vez rematado este período as compañías están obrigadas a devolvelas ao sector público en perfecto estado de uso. A falla de vontade das administracións converten a norma en papel mollado.
Encoro dos Peares no río Miño. (Foto: Nós Diario) #encoro #presa #eléctricas #hidroeléctricas #río #miño #bacíamiñosil #aproveitamento #concesión #medioambiente
photo_camera Encoro dos Peares no río Miño. (Foto: Nós Diario)

O primeiro encoro do río Miño levantouse nos Peares. A central impulsada por Fenosa tivo a súa orixe nunha concesión de 1910, actualizada en 1943 polo Goberno de Franco, porén as súas obras non comezaron até 1947, entrando en funcionamento en 1955. O complexo, cunha presa de gravidade de 90 metros de altura, unha capacidade de 182 hectómetros cúbicos e unha lonxitude de 22 quilómetros, ocupa o mellor lugar do río, dispondo dunha potencia instalada de 184 megawatts en tres grupos. O prazo legal de remate da concesión era 2030, máis en 2009 o Executivo de José Luis Rodríguez Zapatero concedía autorización para unha ampliación da instalación, mecanismo empregado habitualmente para aumentar o prazo de explotación en 75 anos máis.

Así as cousas, o encoro dos Peares non pode reverter á Administración pública até 2084.

A historia dos Peares repetiuse en Belesar en Chantada. O encoro levantado por Fenosa noutra privilexiada localización do río Miño entrou en funcionamento en 1963, tras seis anos de obras e outra concesión administrativa outorgada por Francisco Franco a Pedro Barrié de la Maza en 1948. A central hidráulica é a maior da Galiza, cunha presa de 129 metros de altura, unha capacidade 654,5 hectómetros cúbicos e unha lonxitude de 47 quilómetros, dispondo dunha potencia instalada de 257 megawatts. Neste caso, a concesión remataba en 2038, mais en 2009 o Goberno de Zapatero autorizaba a eléctrica para ampliar a súa potencia instalada en 10 megawatts e de paso incrementar o seu tempo de explotación até 2084.

O acontecido nos Peares e Belesar pódese seguir en toda a Galiza con outros Gobernos e empresas. Así, Iberdrola beneficiouse desta mesma operativa en 2011 nos encoros de Santo Estevo e San Pedro, no río Sil, e anos antes na central hidráulica de San Martiño, entre os concellos da Rúa, Petín e Quiroga.

Precisamente, unha decisión do Executivo de José María Aznar permitiu que esta central hidráulica levantada en 1956 por Dragados ampliara a súa vida útil até 2079. A mesma mecánica é empregada pola Xunta da Galiza, que renuncia a recuperar  24 concesións hidráulicas actualmente vencidas na área da demarcación hidrográfica Galiza-Costa, competente para aqueles ríos que discorren en exclusiva polo territorio galego e cuxa titularidade corresponde a Augas da Galiza, ente autónomo da Xunta da Galiza.

Concesións cun prazo máximo de 75 anos

O prazo máximo de explotación dunha concesión hidráulica é de 75 anos desde a súa entrada en funcionamento. A este respecto, resultan claras as disposicións lexislativas, os autos da Audiencia Nacional e a xurisprudencia do Tribunal Supremo. Neste sentido, ten taxado nunha sentenza de 2018 “a duración máxima da concesión en 75 anos”, fixando ás concesionarias a obrigatoriedade da súa devolución ao sector público en perfecto estado de uso unha vez transcorrido ese período. 

Na mesma liña, a Avogacía do Estado ten reiterado que “a fixación da duración máxima destes aproveitamentos en 75 anos non é tampouco arbitraria nin xera inseguridade xurídica xa que, aínda cando poida supoñer unha diminución das expectativas de rendibilidade, este novo límite temporal é razoábel e suficiente, a efectos da amortización das obras necesarias para a normal utilización da concesión”.

O integrante do colectivo de debate enerxético Bidán Quico da Silva sinala a Nós Diario que “a auga, a diferenza do sol e do vento, ten a consideración, por lei, de ben público, o que condiciona o seu aproveitamento enerxético nun réxime de concesión, por un prazo de tempo fixado e variábel, fronte á autorización dos proxectos eólicos e fotovoltaicos, que non teñen límite temporal administrativo”. Porén, lembra que a distinción é “só no plano teórico” e demanda un cambio de rumbo nas políticas dos poderes públicos.

Da Silva responsabiliza desta situación “a arbitrariedade nas concesións iniciais, as modificacións lexislativas acomodadas aos intereses das concesionarias, a dispersión das competencias administrativas xunto ao caos organizativo resultante nos expedientes e a ausencia de transparencia nos datos máis básicos, como o final da concesión ou a existencia de cláusulas sociais ou da enerxía de reserva”. “Malia o tempo transcorrido non se coñece ningunha planificación para a recuperación destes activos de xeración eléctrica”, afirma Da Silva, quen considera que a “situación potenciada en grao extremo polas disfuncións administrativas no proceso de reversión débese, sobre de todo, á falta de políticas públicas de interese xeral que permitan destinar os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custo da electricidade”.

Feita a lei, feita a trampa

As condicións de concesión, explotación e uso das centras hidráulicas están suxeitas a un procedemento perfectamente regulado. Porén, a conivencia entre as compañías eléctricas e os poderes públicos vén alterando de maneira continuadada o prazo máximo de aproveitamento privado dos encoros. O tope de legal de 75 anos é superado sistematicamente, excluíndo o conxunto da sociedade do ben público da auga.

Comentarios