A economía social resistiu á pandemia e en 2021 deu traballo a 20.000 persoas

O informe da USC e da UVigo presentado esta segunda feira en Compostela salienta a importancia deste sector no rural. As cooperativas estarían como as entidades con máis emprego.
Presentación do 'Informe de Economía Social na Galiza' na Facultade de Económicas da USC (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación do 'Informe de Economía Social na Galiza' na Facultade de Económicas da USC. (Foto: Nós Diario)

A facultade de Económicas da Universidade de Santiago acolleu esta segunda feira a presentación dos resultados do Informe da Economía Social na Galiza 2021, un traballo que actualiza a información recollida no Libro Branco da Economía Social na Galiza.

Este estudo é unha das demandas do Plan de acción europeo da economía social, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2021 e que estabelece como un dos seus obxectivos chave aumentar a visibilidade da economía social mediante a recompilación de datos e estatísticas adecuadas.

O informe, realizado por persoal investigador da Universidade de Vigo (UVigo) e da Universidade de Santiago (USC), sinala que 2021 rematou con 1.145 cooperativas, 656 sociedades laborais activas, 117 centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, catro mutuas, 63 confrarías de mariñeiros (representan 31,8% do conxunto do Estado español, evidenciando a importancia do sector pesqueiro na Galiza), 1.072 sociedades agrarias de transformación e 3.016 comunidades de montes (cunha superficie de máis de 662 mil hectáreas e un tamaño medio de 220 hectáreas).

O sector, a través dos datos facilitados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións en relación ás entidades inscritas en 2020, deu emprego ao redor de 20.000 persoas e con 150.000 asociadas e asociados que, en parte, tamén contarían como empregos.  

Sector consolidado e importante no rural

A directora do Centro de Estudos Cooperativos da Galiza  (CECOOP), Maite Cancelo, foi a encargada de dar a coñecer o informe que coordinou xunto ao profesor Manuel Botana. Explica a Nós Diario que a economía social é “un sector consolidado e que está a medrar”. Pon como exemplo as 135 cooperativas novas que se crearon desde o anterior estudo en 2020, “a cifra máis elevada desde que se realizan estes informes”.

Tamén son un indicativo desta situación as 443 persoas asociadas promotoras e as 28 sociedades laborais novas, con 78 socias e socios, e os 10 novos centros especiais de emprego máis un centro de inserción laboral. “Os datos son positivos, demostran que este sector ten un impacto importante no territorio”, asegura, “sobre todo nas comarcas, en concellos onde se non existise unha cooperativa, a actividade  económica sería moito máis reducida”, engade esta investigadora. 

Cancelo explica que esta circunstancia débese “ao propio ADN que teñen estas entidades que son democráticas e nas que conta máis a persoa asociada que o capital que achega”. Alén diso, no caso galego constata que “teñen unha maior vocación de estar no rural do interior ou na costa, máis alá do eixo central económico galego” e contemplan máis “a cuestión de xénero e a procura de emprego das persoas que terían moitas máis dificultades para atopar un nunha empresa mercantil”. 

Porén, Cancelo indica que houbo algúns proxectos de economía social que rebaixaron o número de afiliacións, “como no caso dalgunhas confrarías” mais considera que “ten que ver coa proximidade da pandemia" e engade que "a caída dalgunhas empresas compensouse coa creación doutras novas”.

As cooperativas son as entidades que teñen máis emprego

A maior parte dos empregos da economía social pertencen a cooperativas (7.917) e 2.162 a sociedades laborais. Os centros especiais de emprego dan traballo a 2.013 persoas e as empresas de inserción laboral contan con 182 postos. Por último, as mutualidades xeran 13 empregos directos".

Porén, en canto ás afiliacións no resto das familias da Economía Social, que Cancelo estima nunhas 7.500, "non se está computando o emprego que xeran”, di a investigadora.

Comentarios