A USC crea unha nova aceleradora de proxectos empresariais de economía social

O terceiro sector aumenta na Galiza e atrae proxectos das TIC. A USC anunciou a creación dunha nova aceleradora de proxectos para estudantes e futuras emprendedoras e emprendedores que se desenvolverá entre o 28 de setembro e o 13 de novembro.
Experiencia no proxecto de Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego (Laces) na Universidade do Minho en 2019 (TecMinho).
photo_camera Experiencia no proxecto de Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego (Laces) na Universidade do Minho en 2019 (TecMinho).

A USC ten intención de fomentar o emprendemento e favorecer a creación de empresas de economía social coa idea de mellorar a calidade de vida da sociedade. Por este motivo anunciou a creación dunha nova aceleradora de proxectos, unha iniciativa dirixida a estudantes e futuras emprendedoras e emprendedores que poderán mellorar as súas competencias e reducir o tempo de posta en marcha dos seus proxectos. As actividades da aceleradora desenvolveranse entre o 28 de setembro e o 13 de novembro.

"Algunhas cooperativas xa formadas acudirán para aumentar o seu tamaño", explica a Nós Diario o profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC e promotor da aceleradora, David Rodeiro, pertencente ao grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada. Nesta experiencia, ademais, haberá outras casuísticas entre as persoas e  entidades que participen. "Noutros casos", engade, "quererán conseguir financiamento ou  entrar en novos mercados". En todo caso Rodeiro asegura que todas estarán ligadas a "poder mellorar e ser máis eficientes, aumentar o tamaño das que existen na actualidade". 

As cooperativas aumentan e atraen as TIC

Segundo o profesor Rodeiro, "Galiza a nivel de cooperativas, a forma máis habitual ligada á economía social, é un dos sitios do Estado español máis desenvolvido, en número e no tamaño das mesmas". Hai moitas e moi grandes que non pertencen só ao sector  primario, segundo este docente e investigador "agora vemos como hai cada vez máis proxectos de cooperativas noutros sectores".

O motivo deste auxe sería que esa forma, ligada á economía social, se vería como "alternativa" para crear  empresas, "fóra das sociedades limitadas ou anónimas" seguindo a onda das experiencias que se levaron a cabo no rural galego. 

Ese aumento do interese pola economía social chegou a sectores que agora mesmo teñen unha grande importancia na nosa economía.

"Un dos que está a ter moito tirón é o das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)", asegura Rodeiro, "moitas persoas cando desenvolven o seu proxecto nestas áreas optan por crear cooperativas", engade. Pon como exemplo as empresas de enxeñaría, "e non só aquelas que están ligadas a consultorías senón, nalgúns casos, formando parte de actividades externas doutras compañías", relata.

A experiencia Laces

A propia USC participou no proxecto denominado Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego e Empresas de Economía Social, (Laces) no ámbito do programa Interreg-Estado español-Portugal 2014-2020. Esta experiencia estivo dirixida a empresas e grupos de emprendemento da economía social que buscaban apoio e orientación nos seus procesos de creación, modernización e crecemento.

"O  resultado foi moi bo por conseguir exportar e importar modelos entre Galiza e Portugal", asegura Rodeiro, "algunhas das actividades que tíñamos eran estancias transfronteirizas nas que cooperativas portuguesas contactaron con casos galegos e viceversa nas súas áreas”, engade.

A importancia da economía social no rural galego

A importancia da economía social na Galiza quedou evidente nos datos publicados a principios de ano após a investigación realizada por 12 membros da USC e o Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop). Nela sinálase que a súa achega ao Produto Interior Bruto (PIB) galego supera 7 %. Ao gran tamaño dalgunhas cooperativas, como o caso das confrarías que facturan 137 millóns ao ano, habería que sumarlle outras con características propias do noso país como son as comunidades de montes.

Segundo datos publicados este mesmo ano na Revista de Estudos Cooperativos, a economía social está presente en 240 concellos galegos (77% do total de municipios da Galiza) proba do importante potencial de redistribución da actividade económica desta fórmula societaria no desenvolvemento territorial.

Comentarios