Presidenta de Espazo Coop

Ana Olveira: "Sempre que hai unha crise, a economía social sae reforzada"

A Unión de Cooperativas Galegas (Espazo Coop) e a Asociación de Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) anunciaron unha declaración conxunta do sector como motor da recuperación económica. Nós Diario falou coa responsábel da primeira sobre o presente e o futuro da economía social.
A presidenta de Espazo Coop forma parte da cooperativa galega Abeluria (A Mueblería).
photo_camera A presidenta de Espazo Coop forma parte da cooperativa galega Abeluria (Foto: A Mueblería).

Goza de boa saúde a Economía Social?

Si, mesmo falaría de que estamos no noso mellor momento como economía social en xeral. É certo que desde que se lanzou o Foro de Economía Social hai uns tres anos movéronse moitos marcos no que son os lindes no que son as distintas 'familias'  que a compoñen. Traballamos conxuntamente, polo que máis que sumar multiplicamos o noso impacto e o noso alcance.

O número de cooperativas que se constitúen agora, tamén o ano pasado coa pandemia, foi o segundo máis alto da serie histórica. Este ano todo apunta que teremos tamén récord. 

Coa crise da Covid-19 as nosas organizacións están sabendo aguantar mellor que outras. Tamén é certo que non é nada novo. Sempre que hai unha crise, a economía social sae reforzada. Máis neste caso, onde se puxo o foco na persoas. Levamos desde sempre, por ADN, poñendo o foco nas persoas polo que non resultou nada novo, era a nosa forma xa de traballar e beneficiounos á hora de afrontar esta crise con respecto a outras economías.

Medraron as 'familias' da economía social?.

Estamos as cooperativas agrarias e as doutro tipo mais tamén os centros especiais de emprego de iniciativa social, as empresas de inserción e as sociedades laborais. Somos empresas que malia ter as nosas características, poñendo no centro das decisións ás persoas, rexémonos coas regras do mercado.

Representamos máis do 7% do Produto Interior Bruto (PIB), galego segundo un estudo da USC, contando coas confrarías do mar e mesmo as comunidades de montes. Faltaría integrar o terceiro sector, o asociativo e de fundacións que está sen cuantificar e que podería chegar a ser un 10% do PIB.

Cre que as Administracións recoñecen a importancia do voso sector?

É certo que tivemos un papel secundario e non saiamos na foto das Administracións. Esta crise púxonos diante. Agora os plans de rescate estanse tratando con nós. A nosa entrada no Consello Económico e Social (CES) hai dous anos foi un paso moi importante. Pouco a pouco estase recoñecendo mais queda moito por facer. 

Contarán para os fondos europeos?

Sobre os fondos europeos hai pouca claridade. Agardo que antes de fin de ano teñamos algún titular máis importante. A nivel estatal presentouse unha proposta global para reforzar o tecido empresarial da economía social mais aínda está en estudo a súa confirmación e como se vai executar. Nós estamos dentro dese plan. A nivel europeo a economía social ten un peso importante. Identifícannos como un axente á hora da recuperación.

No seu momento sacou unha declaración que afirmaba que era prioritaria para facer unha Europa máis social. Por primeira vez haberá un plan de acción que se presentará a finais deste ano. Agardo que os fondos cheguen mais temos o problema de que moitas das nosas entidades son empresas con menos de 10 traballadoras e traballadores e é un reto da economía social e do tecido produtivo galego. Hai que pensar que eses fondos tamén teñen que chegar a esas empresas e non se queden só en grandes corporacións.

Espazo Coop e AGACA anunciaron unha declaración conxunta. En que consistirá?

Mostrará todo o que representa o cooperativismo na Galiza. Por un lado o cooperativismo agroalimentario coas súas características e como axente dinamizador e de cambio do sector primario desde que comezaron. E por outro lado ese outro papel das empresas máis pequenas que poñendo as persoas no centro son capaces de levar a cabo grandes cambios. 

Como dicía o presidente da asociación internacional de cooperativas, para retos globais damos respostas locais. Conseguir mover o mundo a través de xerar impactos nas nosas contornas máis próximos. A declaración pon de manifesto esa labor que o cooperativismo leva facendo desde sempre e que seremos esa panca para que a recuperación sexa máis social, sostíbel e participativa. Que o modelo cooperativo sexa o motor para contribuír a unha economía diferente.

Cando estoupou a crise inmobiliaria falouse de reconstruír o capitalismo. Está claro que iso non se fixo e o modelo que se seguiu a poñer en marcha era maquillado que tiña como obxectivo a maximización de beneficios. Nós nos propoñemos iso.

Somos empresas rendíbeis mais que xeran riqueza e impacto social. Cando nunha das nosas entidades as cousas non funcionan e temos que afrontar unha crise como a Covid-19 nós non pensamos en despedimentos, senón en axustes económicos que nos permitan aguantar os empregos que estamos xerando.  Non deslocalizamos. Non tería sentido crear unha empresa para despois deslocalizala. As traballadoras somos socias ao mesmo tempo. Ademais temos un compromiso co medio polo que os nosos produtos son sostíbeis. 

Comentarios