As cooperativas agroalimentarias son as líderes no rural e loitan contra algunhas entidades "falsas"

A existencia dalgunhas "falsas cooperativas" non deixa de evidenciar a importancia da creación de emprego no rural por parte de organizacións agroalimentarias que funcionan a través da economía social. Agaca, a asociación que as reúne, diferencia a súa situación da que viven as ETT.  
A sociedade cooperativa agraria e gandeira Hoxe fundada no ano 1971 en Prado, Lalín (Cooperativa Hoxe).
photo_camera A sociedade cooperativa agraria e gandeira Hoxe fundada no ano 1971 en Prado, Lalín (Foto: Cooperativa Hoxe).

O cooperativismo é unha das fórmulas máis empregadas no rural para dar forma aos proxectos agroalimentarios. Na actualidade, segundo datos da da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), Galiza conta con máis de 300 organizacións con este sistema. O seu funcionamento non é alleo á situación de crise económica nin á posibilidade de que algunhas delas aproveiten  as actuais circunstancias para incumprir a normativa laboral e contar con traballo en precario. 

O director-xerente de AGACA, Higinio Mougán, sinala que son poucos os casos que se dan nos que abusa da figura cooperativa, polo menos no caso galego. "Polo noso propio funcionamento temos unha maneira de xestionármonos moito máis clara e transparente que calquera empresa de traballo temporal (ETT), por poñer un exemplo", explica a Nós Diario

Mougán asegura que no caso galego as cooperativas réxense nunha grande parte pola contratación por conta allea "algo diferente ás cooperativas de traballo asociado" e salienta que as agroalimentarias, en concreto, "son as que están a crear máis emprego no rural". Pon enriba da mesa datos que afirman que máis dun 50% dos concellos  do país onde se radicaron conseguiron ser as primeiras empresas a nivel de contratación, polo que "son as primeiras empregadoras no rural galego”. Ademais, destes postos de traballo "un 86% deles son indefinidos, polo que podemos dicir que teñen certa calidade", engade. 

A existencia das "falsas cooperativas"

Nun seminario organizado o pasado mes de abril polo grupo de investigación de Dereito Mercantil de Traballo da Universidade de Vigo analizouse a presenza na Galiza e Portugal das denominadas "falsas cooperativas". O propio decano, o profesor Francisco Torres, apuntaba que son "un sector que se distingue por promocionar a participación, a colaboración, a xestión transparente e democrática e o goberno compartido en base a principios colaborativos e da economía social" e que "cando isto non se cumpre, polo motivo que sexa, podemos atoparnos ante as denominadas ‘falsas cooperativas’, un fraude de lei, na medida en que non exista máis motivación na súa constitución que fuxir das garantías do Dereito laboral". 

Outro dos participantes nese seminario, o profesor Javier Arrieta da Universidade de Deusto, definía ese "outro tipo de cooperativas" como as que hai que garantir as condicións de traballo, sobre todo cando conten, cando menos, cun 75% da súa facturación procedente dun único cliente. Se non se respectaran aspectos como a xornada ou as funcións laborais "serían falsas cooperativas". 

Servicarne, un mal exemplo na Galiza de cooperativismo

Un exemplo de ‘falsa cooperativa’ foi Servicarne, con sede en Barcelona, traballaba como provedor de autónomas e autónomos para Coren, Grupo Sada e Cogal. Resultou sancionada pola Dirección Xeral de Traballo en 2019 co argumento de que, pese a gardar apariencia de cooperativa, non funcionaba como tal. Coren tivo que regularizar 1.100 empregadas e empregados que traballaban no Porriño, Ourense e Lugo.

Medrar ou non medrar

O debate máis importante nas cooperativas galegas agora mesmo, é outro. Segundo Mougán, está agora en "medrar ou non medrar" mantendo a calidade e as condicións laborais. "Temos a posibilidade de abordar máis procesos de transformación dos produtos", comenta, "e esta idea choca coa propia filosofía local e o medo á deslocalización que teñen moitos concellos que introduce certa presión".

Comentarios