InLeit e Lactalis, exemplos de boas prácticas para Feixoo, baixan o prezo do leite ás explotacións galegas

As industrias lácteas InLeit e Lactalis tentan modificar á baixa as condicións dos contratos que teñen coas explotacións gandeiras, segundo denuncian as organizacións agrarias Fruga e UUAA. Esas mesmas empresas constan como exemplo de boas prácticas para o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

A Federación Rural Galega (Fruga) e Unións Agrarias (UUAA) denuncian que a industria do leite tenta modificar os contratos que teñen coas explotacións gandeiras para rebaixarlles prezo e condicións. As compañías involucradas nestas prácticas serían InLeit, asentada no polígono de Teixeiro, en Curtis, e Lactalis, en Vilalba.     

Óscar Pose, de UUAA, asegura que InLeit, compañía coa que traballan 200 produtoras e produtores, busca substituír o custo fixo acordado nos contratos "por un prezo variábel", así como introducir "unha baixada media de ao redor de 2 céntimos por litro". Ademais sinala que propón contratos de "tres meses" a pesar de que a normativa estabelece que deberían chegar a un ano. En relación a Lactalis, que agrupa a 1.200 explotacións, desde UUAA aseguran que comunicou a súa intención de modificar os contratos para axustarse á Lei de cadea alimentaria e paquete lácteo, polo que esta industria francesa podería aproveitar para "modificar o prezo" e "introducir un índice que se referencie só a produtos industriais".

"Desde Fruga parécenos unha falla de respecto que unha industria láctea modifique as condicións contractuais de forma totalmente unilateral, invitando as gandeiras e gandeiros a marcharse se non están de acordo cos novos prezos", sinala Elías Somoza, coordinador dos sectores gandeiros de Fruga. Explica a Nós Diario que o anuncio realizado por InLeit da recollida diaria de 700.000 litros "sospeitábase que non fose ao final cun prezo xusto, como así se confirmou agora”. 

As industrias, polo seu lado, deféndense. InLeit di nun comunicado que garante un prezo mínimo nos novos contratos cun prezo base de 29 céntimos, "máis primas de volume, calidade hixiénica e outras variábeis". Razoan que esta proposta permitiralles "o bo funcionamento do proxecto" que traballa para o mercado internacional. Lactalis coincide en sinalar que a súa proposta limita a variabilidade do prezo do leite e asegura que as novas ofertas "foron ben recibidas polo sector".

Lactalis e InLeit, exemplo de investimento e bo traballo para o presidente da Xunta

As empresas denunciadas agora polas organizacións agrarias foron sempre, para Alberto Núñez Feixoo, exemplos de boas prácticas. O presidente participara en 2013 na inauguración da incubadora de produtos lácteos de Lactalis en Vilalba e daquela gabábase de que sería un "destino certo para a produción dos gandeiros e unha extraordinaria mensaxe de confianza para a economía".

O pasado 23 de xuño visitaba as instalacións de InLeit en Curtis e afirmaba, en referencia a esta empresa, que "este é o rural que queremos". Nesa data desde Fruga aseguran que "eran frecuentes as xuntanzas que diversos alcaldes da zona pertencentes ao PP realizaban coas gandeiras e gandeiros para comentarlles as grandezas deste proxecto empresarial".

Comentarios