xoves 16.07.2020

Denuncian as "prácticas mafiosas" da industria láctea

Advirten cláusulas abusivas nos novos contratos. 
Explotación gandeira galega (SLG).
Explotación gandeira galega (SLG).

O Sindicato Labrego Galego (SLG) volve denunciar as cláusulas sobre os custos de produción que introducen as industrias lácteas nos novos contratos que se están a asinar na Galiza.

Segundo anuncia nun comunicado, o sindicato vén de rexistrar un escrito de denuncia na Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) no que se dá conta da "extorsión" que están a sufrir as granxas ao seren obrigadas a falsear a cláusula do contrato na que se di que o prezo pactado coa industria cobre os custos de produción.

Esta práctica, apuntan desde o Sindicato Labrego Galego, violaría o novo artigo da Lei da cadea alimentaria de maneira xeneralizada por parte das industrias lácteas, que inclúe nun dos seus apartados a obriga de que figure no contrato "indicación expresa de que o prezo pactado entre produtor primario agrario, gandeiro, pesqueiro ou forestal ou unha agrupación destes e o seu primeiro comprador cobre o custo efectivo de produción".

Para demostrar que os novos contratos que se están a asinar, inclúan ou non a cláusula, incumpren sistematicamente a cobertura deses custes, o Sindicato Labrego Galego cita na súa denuncia o Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (Ecrea) elaborado polo Ministerio de Agricultura e que sitúa os custos medios de produción das granxas lácteas galegas en 39 céntimos. Este dato contrasta cos índices de prezos medios publicados polo Observatorio do Sector Lácteo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que revela uns prezos medios ponderados ao redor dos 32 céntimos, e con tendencia á baixa nos novos contratos que se están a asinar.

Na súa denuncia, o sindicato sinala a práctica maioría de operadores e industrias como culpábeis e "o inmenso temor ás represalias" que teñen as granxas de denunciar por si mesmas ou de negarse a asinar uns contratos nos que non se di a verdade. "Con esta denuncia, desde o Sindicato Labrego Galego agardamos que a Aica, como organismo competente para realizar as comprobacións que corresponda das denuncias por incumprimentos da Lei da cadea alimentaria, actúe e poña fin ás prácticas mafiosas da industria láctea obrigando a pagar ás granxas un prezo xusto e digno polo leite que realmente cubra os custos de produción".

comentarios