Fruga advirte que Inleit baixa os prezos que paga a 200 gandarías galegas

A Federación Rural galega afirma que esta planta transformadora de Curtis “conta con todas as bendicións do presidente da Xunta de Galiza”.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visita a planta de InLeit Ingredients SLU. Polígono industrial de Curtis, 23/06/20.
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, visita a planta de InLeit (Foto: Xunta)

A planta transformadora Inleit está a informar a 200 ganderías que lle subministran leite, de que lles vai aplicar un recorte nos prezos a partir deste 1 de xullo. Isto é o que denuncia a Federación Rural Galega (Fruga) a través dun comunicado, onde indica que se está a falar de pagarlles 29 céntimos o litro, “podendo chegar no futuro a un prezo máximo superior, sempre e cando a cotización dos derivados lácteos suba nos mercados lácteos internacionais”.

Desde Fruga consideran unha “falla de respecto” que unha industria láctea como esta, “modifique as condicións contractuais de forma totalmente unilateral, invitando os gandeiros e gandeiras a marcharse senón están de acordo cos novos prezos”.

Aliás, apunta a Federación, “pensamos que esta maneira de proceder non respecta a lexislación vixente, na medida en que non se respectan os prazos, e por outra parte as modificacións só se poderán facer sempre que o novo contrato supoña mellorar as condicións para o sector produtor en relación ao volume de entregas, prezo ou duración do contrato”.

Para a Fruga Inleit “non é unha empresa láctea calquera”, senón que é a compañía “que o señor Feixoo, presidente da Xunta, visitou o pasado 23 de Xuño, anunciando unha recollida diaria de 700.000 litros, e que desde o primeiro momento se anunciaba como se fose a chegada do Plano Marshall para o sector lácteo galego.”

A isto engade a afirmación de que “foron numerosos os anuncios da propia Consellaría do Medio Rural, louvando a capacidade de recollida e de procesado desta industria. Eran frecuentes as xuntanzas que diversos alcaldes pertencentes ao Partido Popular realizaban cos gandeiros dos seus concellos para comentarlles as grandezas deste proxecto. E agora gustaríanos saber onde está o señor Feixoo, o conselleiro de Medio Rural, e eses rexedores municipais que tanto nos venderan as vantaxes desta industria”.

Comentarios