Denuncian extorsións por parte da industria láctea

O Sindicato Labrego Galego di que as industrias obrigan ás produtoras a asinar cláusulas sobre os custos de produción baixo presión.
Vacas nunha explotación láctea (Nós Diario)
photo_camera Vacas nunha explotación láctea (Nós Diario)

O Sindicato Labrego Galego acusa a industria de "extorsionar" novamente as granxas. Desta vez, denuncia o sindicato, están obrigando as produtoras a "falsear" a cláusula que fai referencia aos custos de produción nos contratos.

Como lembran nun comunicado, a recente reforma que fixo o Goberno español da Lei da cadea alimentaria, após as fortes protestas do agro en todo o territorio, obriga a incluír unha cláusula nos contratos na que se faga referencia a que o prezo pactado entre industrias e produtoras cobre os custos de produción.

"Aínda que en teoría poida parecer unha medida positiva, ao non estabelecerse unha referencia oficial sobre os custes de produción, no sector lácteo as industrias están a impor, baixo ameaza, o seu criterio nesta cláusula como no resto de termos que inclúen os contratos", indican desde o Sindicato Labrego. "Ou a granxa asina ou deixan de recollerlle o leite. Así, na práctica, todas as granxas están asinando que o prezo que lles impón a industria cobre os custos de produción aínda sendo conscientes de que iso é falso", denuncian.

Hai unhas semanas, o propio Sindicato Labrego Galego poñía o foco no último Estudo de custos e rendas das explotacións agrarias (Ecrea), realizado polo propio Ministerio de Agricultura en 2017, que situaba os gastos medios dunha granxa de leite na Galiza ao redor dos 39 céntimos, moi lonxe do prezo medio actual. "De feito, no Sindicato Labrego Galego temos constancia de que se están a asinar contratos no sector lácteo con prezos miserábeis de 24 céntimos por litro", sinalan para exemplificar o lonxe que están os prezos do leite en orixe de cubrir os custos de produción.

Engano consentido

Á vista desta realidade, o sindicato considera que a cláusula dos custos "semella máis ben un engano do Ministerio de Agricultura para acalar as protestas labregas sen contrariar a industria". "O peor de todo é que esta extorsión legalizada estase a perpetrar con absoluta impunidade grazas ao amparo e pasividade do propio Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, que miran cara a outra banda en vez de defender os intereses do agro", lamentan desde o Sindicato Labrego.

Comentarios