A débeda pública galega ascende a 12.170 millóns e fecha 2023 en máximos históricos

A débeda pública galega fechou 2023 en máximos históricos. Segundo os datos publicados onte polo Boletín Estatístico do Banco de España, a finais do pasado exercicio alcanzou os 12.170 millóns de euros. A Xunta  desde 2009 endebedou a cada residente galego en 3.043 euros.

grafica web
photo_camera A débeda pública fechou 2023 en máximos. (Gráfica: Nós Diario).

O Banco de España presentou onte as cifras de débeda das comunidades autónomas correspondentes ao último trimestre de 2023. Nas mesmas, o regulador estatal sinala que a Galiza rexistra unha débeda pública para o feche desa anualidade de 12.170 millóns de euros, o que representa un novo récord histórico de endebedamento do país.

A débeda pública galega tense incrementado en 8.216 millóns de euros desde o ano 2009. Se á volta do primeiro trimestre desa anualidade sumaba 3.954 millóns e equivalía a 6,8% do produto interior bruto (PIB) da Galiza, a finais de xuño de 2023, último mes con cifras, chegaba a 12.170 millóns de euros, representando 17,4% do PIB.

O incremento da débeda

A esta contía, hai que  engadir a débeda derivada da colaboración público-privada, unha vía pola que optou o Goberno galego de forma imporante nese período. O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. Mentres o Goberno bipartito na Xunta da Galiza do PSdeG e do BNG levou adiante unha importante redución do mesmo, pasándose dunha débeda pública de 7,4% do PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% en 2007, a tendencia mudou no período de Alberto Núñez Feixoo. Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo deste ano.

O Goberno galego debe, a maiores, 1.906 millóns de euros correspondentes a diversas actuacións financiadas pola modalidade de colaboración público-privada. Precisamente, esta fórmula, moi criticada polas forzas da oposición, responde ao obxectivo de non computar a efectos contábeis como débeda pública diversos investimentos do Goberno galego. Concretamente, nesta anualidade, fará fronte por este concepto a pagos por unha contía de 137 millóns de euros.

A colaboración pública-privada

As débedas da Xunta derivadas da colaboración público-privada correspóndense co Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía da Costa da Morte, a autoestrada AG-56 entre Compostela e Brión, a vía de alta capacidade de unión entre a autoestrada A-52 e a fronteira portuguesa e as vías rápidas do Salnés e do Barbanza. Nesta liña, o endebedamento da Administración galega coas construtoras adxudicatarias das vías de comunicación sinaladas é de 1.136 millóns e coa concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de 770 millóns de euros.

A Xunta destina no seu orzamento de 2024 até 1.647 millóns de euros para facer fronte as súas  débedas. Neste sentido, as contas públicas aclaran que 1.322 millóns de euros están dedicados a amortización de débeda pública, 188 millóns a pago de xuros con entidades bancarias, investidores privados e o Estado e 137 millóns a facer fronte aos compromisos financeiros derivados das actuacións executadas mediante a formula da colaboración público-privada. A Xunta prevé nos orzamentos un incremento nos custos dos xuros para esta anualidade de 70,5% en relación con 2023.

Comentarios