Feixoo endebedou Galiza en 8.117 millóns

A débeda pública galega atópase en máximos histórico en 2021. Após fechar 2020 cun monto total de 11.551 millóns, o Goberno galego, vén de recoñecer que no terceiro trimestre de 2021 atinxiu os 12.071 millóns de euros. A Xunta agarda para finais deste mesmo ano un endebedamento de 12.321 millóns.
A Xunta está obrigada a sufragar un canon de 1.400 millóns até 2036 que non computa como débeda pública. (Foto Europa Press)
photo_camera A Xunta está obrigada a sufragar un canon de 1.400 millóns até 2036 que non computa como débeda pública. (Foto: Europa Press)

A débeda pública non deixou de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Se a volta de 2008 situouse en 3.954 millóns, representou 6,80% do PIB e significou unha carga para cada galega de 1.429 euros, 13 anos máis tarde acadou os 12.071 millóns, significou  o 20,1% do PIB e anotou unha contía de 4.213 euros por habitante. Así as cousas, segundo os dados fornecidos polo Goberno galego os Executivos de Núñez Feixoo xeraron na Galiza unha débeda de 8.177 millóns de euros.

O aumento do endebedamento foi constante desde 2009. Mentres o Goberno bipartito de BNG e PSOE levou adiante unha importante redución do mesmo, nun contexto de ampliación do investimento social, pasándose dunha débeda pública de 7,4% de PIB no último ano da etapa de Manuel Fraga a 6,6% no 2007, a tendencia mudou radicalmente no período de Núñez Feixoo. Neste sentido, as subas máis importantes da serie histórica correspondéronse  coas anualidades de 2011, 2012 e 2017, até marcar o seu máximo absoluto ao longo deste ano, tras certificar o maior aumento porcentual desde 2011.

Cae o investimento social

O aumento da débeda e do déficit público non estivo vinculado a políticas económicas expansivas pola contra veuse acompañado de recortes no sistema de benestar. Se os últimos orzamentos que elaborou o Goberno de PSOE e BNG en 2009 achegaron  aos servizos públicos 7.106 millóns, isto é o 66,4% do total do orzamento e 2.567 euros por habitante, a cifra baixa após nove anos a 6.830 millóns, o que significou unha rebaixa total de 266,5 millóns, unha caída porcentual de 2,6% e unha diminución do gasto por persoa de 36,17 euros.

Os retallos deixáronse notar particularmente en sanidade e educación. Mentres á volta de 2009, o Goberno galego destinou 2.443 millóns a educación e 3.937 millóns a sanidade, a liquidación orzamentaria provisional de 2018 sinalou un investimento de 2.262 millóns para a rede educativa e 3.858 millóns para o sistema sanitario, nun escenario onde o PIB galego en termos correntes foi claramente superior ao de 2009. Así as cousas, non debe estrañar que o investimento en Atención Primaria na Galiza estea á cola do Estado, só situándose por diante de Madrid e das Illes Balears.

A técnica contábel permite ás autoridades galegas maquillar o alcance real da débeda. Un caso paradigmático disto acontece co hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, construído mediante a fórmula de colaboración público-privado polo que o Goberno galego está obrigada a sufragar un canón anual até 2036 de 1.400 millóns de euros polo obra. Sen ir máis lonxe, en 2021 a Xunta debe facer fronte, por este concepto, a pagos de 141 millóns de euros, tendo sinalando o economista Albina Prado que “a posta en servizo dun hospital público, como o Cunqueiro en Vigo, dentro dun edificio privado polo que se paga cada mes un alugueiro multimillonario. Ao  final o custo duplica o prezo de págalo con débeda pública”.

As hipotecas da colaboración público-privada

A Xunta ten compromisos de pago por 2.335 millóns de euros até 2040 derivados de actuacións executadas mediante contratos de colaboración público- privado. Así, entre estes, atópanse, a maiores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, a autovía AG-56 Compostela-Brión, a autovía da Costa da Morte, a autovía AG-52 coa fronteira portuguesa os as vías rápidas do Salnés e o Barbanza. Se as obras realizadas por este procedemento computaran como débeda nos orzamentos galegos, esta situaríase neste trimestre en 14.406 millóns de euros.  

As perspectivas do Goberno galego non son precisamente optimistas. Segundo as previsións recollidas no Informe económico financeiro do proxecto de orzamentos de 2021 da Xunta , “a débeda pública acadou o importe de 11.315 millóns de euros e está previsto que a finais do ano 2020 sexa de 11.551 millóns de euros, e para 2021 a previsión coherente co orzamento que se presenta e de que acade os 12.321 millóns de euros, que suporá un incremento da mesma de 770 millóns, os previstos na conta financeira dos orzamentos para 2021”. 

Na mesma liña destaca que “a evolución do rateo débeda/PIB dende a última rateo anual informada polo Banco de España correspondente ao ano 2019, un 17,5 % aumenta, dous con cinco puntos”, e “así no 2020 está previsto pechar cunha rateo do 19,5%, e de cara a 2021 malia que o PIB experimenta un forte crecemento”.

Os intereses da débeda

O pago dos intereses da débeda representa unha pesada carga nas contas galegas. Se a volta de 2009 a Xunta da Galiza destinou 111 millóns a facer fronte as súas obrigas financeiras, a contía aumentou a 143 millóns en 2020, malia ter descendido de xeito considerábel os xuros. Porén, o novo escenario económico marcado pola inflación vai significar unha suba de tipos incrementando a contía de xuros a pagar. 

Comentarios