Critican as "miserentas" axudas da Xunta para os danos da rata toupa, que afecta centos de explotacións

As zonas máis afectadas pola praga son as comarcas dos Ancares, Quiroga e Sarria.

rata toupa
photo_camera Danos causados pola rata toupa. (Foto: Europa Press)

Unións Agrarias (UUAA) denuncia axudas "míseras" da Consellaría do Medio Rural para paliar as perdas causadas pola rata toupa (Arvicola terrestris ou Arvicola sherman), unha praga que nos últimos anos afecta concellos do leste galego, de comarcas como os Ancares, A Fonsagrada ou Sarria, entre outras.

Nun comunicado, esta organización critica que as axudas "non chegan a un terzo das comprometidas" na orde publicada hai un mes. Apunta que se comprometía a cantidade de 300 euros por hectárea afectada, mais "a realidade" é que nos pagos "apenas se alcanzan os 93 euros por hectárea".

Así, UUAA di "non entender este cambio de postura cando o volume de concellos afectados segue aumentando e, por tanto, o número de explotacións que ven como se perde a produción de prados".

A continuación, solicita que se reforce o orzamento de axudas para alcanzar as cantidades comprometidas e que se faga unha previsión orzamentaria para futuros exercicios, xa que "o problema causado pola rata toupa segue sen resolverse" nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.

A rata toupa come a herba dos pasteiros baixo terra, polo que esnaquiza o alimento do gando. Esta especie pode ter até sete partos ao ano, cunha media de catro ou cinco crías en cada un.

En 2019 concellos do leste galego comezaron a sufrir esta praga como un grave problema. Pasaban daquela de 1.600 as hectáreas, repartidas entre case 3.000 explotacións as afectadas.

Comentarios