martes 11/05/21

A creación de empresas cae un 6,9% en Galiza mentres aumenta no Estado nun 3%

As disolucións soben un 29%

Polígono do Tambre (Polígono do Tambre)

O número de novas sociedades mercantís baixou un 6,9% en febreiro na Galiza en relación co mesmo mes de 2020, fronte ao aumento da media no conxunto do Estado (+3,1%), até un total de 335 compañías, segundo os datos que publica hoxe o Instituto Nacional de Estatística (INE).

As disolucións, pola súa banda, subiron un 29,2%, até 186, delas 158 voluntarias, 17 fusións e 11 operacións clasificadas como doutro tipo.

As 335 firmas, que optaron todas elas pola opción de sociedade limitada, supuxeron a subscrición e o desembolso de 19,37 millóns de euros.

Pola súa banda, ampliaron capital 114 sociedades mercantís, por 76,63 millóns: tres sociedades anónimas, por 10,46 millóns e 111 sociedades limitadas, por 66,17 millóns. Reducírono 48, por 71,89 millóns. Unha empresa desembolsou dividendos por 47.000 euros.

No conxunto estatal, o número de novas sociedades mercantís subiu un 3,1% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2020, até totalizar 8.786 novas empresas, a súa cifra máis alta en case dous anos, concretamente desde marzo de 2019.

De acordo cos datos do INE, o número de sociedades mercantís disolvidas o pasado mes de febreiro foi de 2.501, un 3,4% máis que no mesmo mes de 2020.

comentarios