Mobilidade na 'raia': urxen a creación dun carné de cidadanía transfronteiriza

O BNG reivindica un elemento identificativo para evitar problemas coma os que provocou o feche das fronteiras pola pandemia para as traballadoras e traballadores que tiñan que desprazarse entre a Galiza e Portugal
Tráfico na ponte que conecta Tui e Valença. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
photo_camera Tráfico na ponte que conecta Tui e Valença. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)

Após os prexuízos padecidos por centos de cidadáns da Galiza e Portugal, na contorna da 'raia', debido ás distintas limitacións transfronteirizas pola crise sanitaria da Covid-19, o BNG vén de dar un paso adiante para intentar previr novos problemas nunha contorna que non funciona como países separados senón como unha unidade. 

O Bloque demandará ao Goberno do Estado español a creación dun carné transfronteirizo que permita a mobilidade entre os territorios miñotos da Galiza e Portugal.

A pandemia fechou varios pasos e complicou a vida a traballadoras dunha e outra beira do Miño, mais tamén dificultou outras tarefas cotiás como ir ao supermercado ou ter a posibilidade de gozar dalgún servizo público.

Sen esquecer que hai localidades que funcionan como unha eurocidade, como é o caso, por exemplo, de Verín-Chaves con espazos compartidos, o Bloque Nacionalista Galego rexistrou no Congreso esa iniciativa.

Para a fronte nacionalista é preciso que esta ferramenta dea dereitos a persoas que por razóns laborais, de estudos ou por outros motivos, teñan a necesidade de cruzar a fronteira cada día.

Unha demanda que vén de atrás

De cara a apoiar a súa demanda, o BNG tirou de hemeroteca destacando que moitos concellos galegos e cámaras lusas, así como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Rio Minho (AECT Rio Minho) exixiron mecanismos que solucionasen as dificultades tanto temporais como económicas que se estaban a pór á poboación.

No entanto, segundo denunciou esta cuarta feira o deputado Néstor Rego, ningunha das administracións recibiu resposta para aclarar se hai algunha liña de traballo en marcha para evitar trabas na 'raia' por esta pandemia ou por outros motivos no futuro.

"É necesario que as autoridades de ambos os Estados avancen e poñan en marcha canto antes un pase transfronteirizo e que para a súa articulación se teñan en conta as consideracións que as institucións directamente involucradas poidan propoñer", subliñou Rego.

Comentarios