O BNG urxe un cartón de cidadanía transfronteirizo entre a Galiza e Portugal

Após dous anos de pandemia e o compromiso dos Gobernos de España e Portugal, a formación nacionalista urxe resolver os problemas derivados do fechamento das fronteiras na rexión transfronteiriza do Miño.
Control policial na ponte Internacional Tui-Valença, na fronteira con Portugal (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).
photo_camera Control policial na ponte Internacional Tui-Valença, na fronteira con Portugal (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press).

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas no Congreso para coñecer en que estado de tramitación se atopa o cartón de cidadanía transfronteirizo ao que se comprometeron os gobernos do Estado e Portugal así como o alcance que terá.

Neste sentido, a organización nacionalista demanda incluír no cartón todas as persoas que por razóns laborais, de estudos ou outros motivos teñen que atravesar a fronteira a diario.

Segundo sinala nun comunicado dirixido aos medios, o fechamento e as restricións impostas nos pasos fronteirizos entre Portugal e a Galiza durante a declaracións dos estados de alarma en 2020 e 2021 repercutiu de maneira negativa na economía de toda a rexión transfronteiriza do Miño, polo que tanto os concellos galegos como as cámaras portuguesas, así como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do río Miño demandaron a creación dun mecanismo que facilite a circulación das persoas que cruzan a 'raia' seguido.

Tarxeta transfronteiriza

No seu momento propuxeron permitir o paso mediante a presentación dun cartón ou tarxeta de cidadanía transfronteiriza para facilitar a circulación normal das e dos que deben atravesar a diario a fronteira.

Tras as dúas última cimeiras ibéricas, que decorreron en 2020 e 2021, ambos executivos comprometéronse a traballar para atender esta reclamación, lembra o BNG, mais agora parece limitarse á creación dun "estatuto do traballador transfronteirizo" que podería deixar fóra moitas persoas, avanza.

"Queremos saber en que estado se acha a tramitación dese cartón transfronteirizo que ambas institucións se comprometeron a desenvolver e se se vai limitar ao chamado Estatuto do Traballador e Traballadora Transfronteiriza", explica o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

"Nin a Xunta da Galiza, nin a AECT Galiza-Norte de Portugal, nin a AECT Verín-Chaves, nin a AECT do río Miño, nin os concellos ou cámaras recibiron comunicación ou consultas sobre as liñas de traballo seguidas para a posta en marcha dun futuro cartón transfronteirizo" denuncia o deputado nacionalista.

Estatuto do traballador transfronteirizo

Tras a cimeira de Trujillo (2021), deuse a entender que eran os Ministerios de Traballo de ambos os Estados os que estarían a elaborar ese Estatuto do Traballador Transfronteirizo", mais descoñécese en que vai consistir, nin que interlocutores sociais ou territoriais están tendo ambos os ministerios para a elaboración do citado estatuto, precisa a formación nacionalista.

Na iniciativa que vén de rexistrar, solicita coñecer o alcance que terá ese Estatuto e "se se poderá aplicar ao resto de persoas que fan vida na área transfronteiriza por motivos de estudo, negocio e semellantes" ou se limita de maneira exclusiva á mobilidade laboral.

Con todo, en plena sexta vaga da pandemia, urxe aos Estados que "avancen e poñan en marcha canto antes un pase transfronteirizo" ademais de que "se teña en conta as consideracións que as institucións directamente involucradas poidan achegar", conclúe Rego. 

Comentarios