O comité de empresa de NGB e unha delegación do BNG, encabezada polo seu voceiro parlamentar Francisco Jorquero, mantiveron unha xuntanza en Vigo para abordar o escenario en que se encontra a entidade financeira após as diretrices de Bruxelas que implican 2.500 despedimentos, peches de oficinas e un futuro que podería rematar na venda ou liquidación ordenada do banco.
Desde a parte sindical xa se anuncia que non van permanecer de brazos cruzados perante esta perspectiva. Así, o responsábel de CIG-Banca, Clodo Montero, augurou que haberá "conflito" de non retirarse a proposta de 2.500 despedimentos, alén de expresar a súa preocupación por un proceso de reestructuración sen xeito que finalice coa venda de NGB "por un euro".
Para a central nacionalista esta reestructuración sería unha "reconversión" encuberta do sistema financeiro para favorecer aos grandes grupos bancarios. Nesta liña, a preocupación non radicaría soamente nos efectos laborais, senón tamén nas consecuencias para Galiza desde o punto de vista económico e social.
A xuntanza co BNG é a primeira que o comité de empresa mantén cunha organización política, dentro da aposta por realizar xuntanzas con partidos e administracións para expoñer a opinión do plantel de traballadores e traballadoras.
Comparecencia de Feijóo na comisión de investigación
Pola súa banda, o voceiro do BNG no Parlamento apostou porque na comisión de investigación das caixas que esta terza se aprobará na Cámara autonómica se "depuren responsabilidades políticas". Aliás, @s nacionalistas pedirán a comparecencia de Núñez Feijóo polas súas "evidentes" responsabilidades en que aconteceu coa entidade financeira.
Jorquera tamén lamentou que se estean a cumprir os augurios realizados no seu momento polo BNG de "liquidación a prezo de saldo" do sistema financeiro galego. Alén disto, considera que o proceso de 'bancarización' impulsado polo goberno español favorece un "oligopolio" en detrimento da ferramenta financeira existente na Galiza.
O voceiro parlamentar do BNG sinalou que neste escenario, a conversión de NGB nun banco público galego é a liña que se debe seguir, garantindo así un instrumento ao servizo dos sectores produtivos galegos e da cidadanía