O Consello Europeo aproba o orzamento comunitario para 2024: a canto ascende?

As contas serán aprobadas definitivamente polo Parlamento Europeo.
Reunión do Consello europeo, con presenza dos ministros de Exteriores dos Estados membros da UE. (Foto: Europa.eu)
photo_camera Reunión do Consello europeo, con presenza dos ministros de Exteriores dos Estados membros da UE. (Foto: Europa.eu)

O Consello Europeo aprobou esta segunda feira o orzamento anual da Unión Europea (UE) para o ano 2024 en base a un texto conxunto que se acordou en negociacións co Parlamento Europeo e cuxos compromisos totais se fixan en 189.385 millóns de euros, mentres que os pagamentos totais ascenden a 142.630 millóns.

Os compromisos son promesas legalmente vinculantes de gastar diñeiro en actividades que se implementan durante varios anos, mentres que os pagamentos refírense aos gastos derivados de compromisos contraídos durante o ano en curso ou en exercicios anteriores.

A aprobación final do orzamento será declarada pola Eurocámara unha vez que o pleno aprobe tamén o texto conxunto que se acordou o pasado 11 de novembro, para o cal os eurodeputados e eurodeputadas teñen un prazo de 14 días.

O orzamento de 2024 mantén dispoñíbeis 360 millóns de euros dentro dos límites de gasto do actual marco financeiro plurianual para 2021-2027, o que permitirá á UE reaccionar ante necesidades imprevistas.

Por outra parte, as contas para o próximo ano reflicten as principais prioridades da UE, incluídas a recuperación económica e as transicións "verde" e dixital, e reacciona ao difícil contexto xeopolítico actual.

Ademais, a Comisión Europea aprobou esta segunda feira unha prórroga de seis meses para as disposicións que permiten aos Estados seguir concedendo importes limitados de axuda para compensar os elevados prezos da enerxía. 

Bruxelas tamén aprobou unha proposta do Estado español, que ascende a 8.510 millóns de euros, para compensar os custos indirectos das emisións das empresas de gran consumo enerxético entre 2022 e 2030.

Comentarios