Un grupo de bateeiros increpan á conselleira do Mar nun acto en Vilaxoán

O sector exixe a Xunta que interveña no conflito que mantén cos profesionais percebeiros. Na quinta feira, o Parlamento galego aprobou unha inciativa do Bloque que tamén vai nesta liña.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana (Foto: Xunta / Xoán Crespo).
photo_camera A conselleira do Mar, Rosa Quintana (Foto: Xunta / Xoán Crespo).

Bateeiros de toda a Galiza acudiron na sexta feira a Vilaxoán, no concello de Vilagracía de Arousa, para exixirlle á Xunta que interveña no conflito existente entre os profesionais deste sector e os percebeiros.

En Vilaxoán atopábanse as conselleiras de Mar, Rosa Quintana, e de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para participar nun acto na sede do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño da Galiza (Intecmar).

Tanto na entrada como na saída, as integrantes do Goberno galego foron recibidas con berros de protesta e cartaces nos que os bateeiros clamaban "pola defensa do noso traballo" ou "sen mexilla non temos futuro".

Os momentos de maior tensión tiveron lugar cando un grupo de manifestantes impediron que as conselleiras accederan aos vehículos oficiais que as trasladaran até alí.

"Traidora" e "dimite"

A situación recrudeceuse por minutos, e aos berros "traidora" e "dimite", en referencia a Rosa Quintana, comezaron a producirse os primeiros empurróns por parte dun grupo reducido de bateeiros.

Isto levou a que axentes da Policía fixesen regresar as dúas conselleiras ao interior do edificio de Intecmar, onde agardaron durante media hora até que a protesta volveu á normalidade.

Finalmente, axudadas pola seguridade e pola maioría de bateeiros, que acudiran a Vilaxoán para protestar de xeito pacífico, puideron proseguir co seu camiño, aínda que os manifestantes seguiron a increpalas desde a distancia.

Acordo no Parlamento

As protestas dos bateeiros teñen lugar un día despois de que o Parlamento aprobase por unanimidade unha proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para instar a Xunta a que medie no conflito entre bateeiros e percebeiros.

Os primeiros exixen que se lles volva a deixar traballar coa mexilla, a semente do mexillón, despois de que a Consellaría de Mar aprobase un decreto polo que alonxa os bateeiros das zoznas de cría.

A moción do BNG insta a buscar unha solición "sen imposición" para ningunha das dúas posturas, ao tempo que exixe incrementar as partidas en investigación para avanzar no autoabastecemento de mexilla.

Comentarios