A Consellaría do Mar quere reconducir cara o diálogo o conflito pola mexilla

O departamento que dirixe Rosa Quintana insiste en que a delimitación de zonas de extracción da mexilla é algo transitorio
A extracción de mexilla é chave na produción de mexillón (Foto: Antonio Alcobendas)
photo_camera A extracción de mexilla é chave na produción de mexillón (Foto: Antonio Alcobendas)

A semana pasada, centos de persoas participaron nunha mobilización na Illa de Arousa para denunciar que a norma da Xunta que delimita as zonas de extracción da cría de mexillón ─ou mexilla─ atenta contra os intereses do sector, xa que pode facer decaer a produción do mexillón galego.

Era un capítulo máis do conflito que bateeiros e percebeiros manteñen polo territorio no que se extrae a mexilla e que agora a Consellaría do Mar quere reconducir novamente cara o diálogo.

Así o indicou a conselleira Rosa Quintana no Pleno do Parlamento Galego, onde insistiu na necesidade de "avanzar na convivencia e no futuro da extracción de semente de mexillón (mexilla) e de percebe".

Segundo explicou nunha resposta a unha interpelación parlamentaria sobre a extracción de mexilla, a delimitación de zonas desta campaña, orixe do enfrontamento entre bateeiros e percebeiros, "ten carácter precautorio e estará vixente até que entren en vigor os plans de xestión plurianuais do percebe para o período 2022-2024, que están en tramitación", apuntou. 

Nestes plans quedarán delimitadas, tal como estabelece unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza, as zonas de reserva da extracción da semente do mexillón dentro do ámbito de cada plan.

Estas medidas, especificou Quintana, afectan 16% do territorio do litoral no que hai presenza de mexilla. Nesta contabilización, aclarou, están excluídas as praias e a parte dos espazos do Parque Nacional das Illas Atlánticas que xa estaban restrinxidos. 

Neste sentido, especificou que as zonas son case as mesmas que en 2021 e que a reserva de zonas non limitou a capacidade para abastecerse de mexilla, xa que as cifras de extracción "multiplicáronse por tres no último trienio pese a esta medida". 

A esta súmase tamén a redacción dun borrador de orde para a regulación da extracción de mexilla en bancos naturais e tamén para a súa obtención de forma directa nas bateas.

Convivencia equilibrada

Esta iniciativa, expuxo a titular de Mar, "foi coñecida por todas as partes", pero as diferencias, moitas delas incluso dentro do mesmo sector, dificultaron o seu avance. 

Nesta liña, incidiu en que todos os pasos foron comunicados ás partes en distintos encontros desde 2020 "e sempre con vontade de diálogo", ao tempo que subliñou que as medidas adoptadas buscan "garantir unha convivencia equilibrada e unha axeitada protección dos intereses que concorren na explotación da mexilla e do percebe".

Comentarios