domingo 09/05/21

As conexións do rei Juan Carlos con Ence

As relacións de Ence co poder político son un feito. Eis a presenza no seu consello de administración de dirixentes do Partido Popular, no que representa unha conexión que vén desde o mesmo momento da súa privatización durante o Goberno de José María Aznar. Os contactos da empresa chegan á Casa Real.
EuropaPress_2494065_majestad_rey_juan_carlos_infanta_elena_presiden_ceremonia_entrega_trofeos
Juan Carlos de Borbón, con Núñez Feixoó, en Sanxenxo, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)

Á volta de 2006, Ence decidiu erguer unha factoría no Uruguai, cunha capacidade de produción dun millón de toneladas e cunha potencia de xeración eléctrica dun millón de megavatios. O proxecto industrial xerou un importante conflito entre o Executivo uruguaio de Fernando Tabaré Vázquez e o Goberno arxentino de Néstor Kirchner, quen rematou denunciando a iniciativa de Ence diante da Corte Internacional de Xustiza da Haia por violar o estatuto do río Uruguai. Pola súa banda, o Goberno de Tabaré respondeu cunha querela diante do Tribunal do Mercosur, alegando que a Arxentina estivo a permitir as protestas veciñais e impedindo a libre circulación de mercadorías. 

O temor ao naufraxio do proxecto levou Juan Carlos de Borbón a mediar diante dos dous gobernos en beneficio dos intereses de Ence. Así, as xestións do monarca diante dos mandatarios do Uruguai e da Arxentina permitiron salvar a iniciativa, tras renunciar a compañía española á súa localización en Fray Bentos, a escasos quilómetros da fronteira Arxentina e tras buscar un novo emprazamento nas proximidades do río da Prata. O labor de mediación do rei emérito para que o proxecto saíra adiante foi recoñecido naquela altura de maneira unánime pola prensa, que non dubidou en destacar o papel de Juan Carlos na internacionalización das compañías españolas. A aventura de Ence no Uruguai rematou en 2009, cando se desfixo da factoría por problemas financeiros.

Os movementos de Juan Carlos a favor de Ence levantaron sospeitas sobre o alcance da súa conexión coa compañía. Así, por exemplo, o 16 de novembro de 2014, o diario español Vozpopuli, propiedade dun dos referentes da información económica, Jesús Cacho, sinalou que “o grupo papeleiro foi tradicionalmente un dos protexidos da Casa Real, non só pola estreita amizade de don Juan Carlos cos curmáns (sobre todo con Alberto Alcocer), senón tamén porque se especulou coa posíbel presenza do monarca no capital da compañía”. Precisamente, os curmáns, Alberto Cortina e Alberto Alcocer, persoas de círculo máis próximo do rei emérito, foron durante anos accionistas de referencia de Ence.

A fundación Zagatka no capital de Ence

A investigación das contas irregulares de Juan Carlos de Borbón por parte da xustiza suíza ofreceu novos datos sobre a participación do monarca no capital da pasteira. Segundo unha información publicada en novembro de 2020 polo xornal El Confidencial, “o rei emérito foi accionista durante case dúas décadas de Ence, BBVA, Santander, Iberdrola, ACS, Abertis, Endesa, Acciona e Repsol, entre outras empresas”, sendo o titular destes investimentos a fundación Zagatka, dirixida polo seu primo Álvaro de Orleans. A fundación, constituída en 2003 no paraíso fiscal de Liechtenstein, presentaba como beneficiarios Juan Carlos de Borbón e os seus fillos Felipe, Elena e Cristina, sendo a sociedade que presuntamente empregaba o monarca para o cobro de comisións ilegais.

A documentación achegada por El Confidencial afirmaba que as “contas da fundación nos bancos suízos Credit Suisse e Lombard Odier rexistraron movementos de compras de importes millonarios de accións co diñeiro que ingresaba de presuntas operacións de comisións ilegais de intermediación”. Na mesma liña, certificaba que en 2021, o 44% do patrimonio da fundación foron participacións de empresas cunha administración de activos que sumou 13,1 millóns de euros, representando en agosto de 2018 o peso das accións nas contas de Zagatka o 59% do capital. Ao tempo, El Confidencial apuntou que “cando se efectuaban vendas parciais desas accións, o diñeiro obtido era empregado presuntamente polo rei emérito para pagar voos privados, hoteis ou simplemente dispor de efectivo”.

Fican por aclarar se os labores de mediación do monarca a favor de Ence se limitan á esfera internacional, exemplificada no caso da súa factoría do Uruguai, ou se chega tamén ao ámbito estatal, como deixan caer algúns xornalistas económicos, entre eles o propio Cacho. Do que non hai discrepancia é da súa fluída relación coa actual cúpula do grupo, certificada antes da súa marcha aos Emiratos Árabes Unidos en habituais xantares en Sanxenxo.

comentarios