Análise

Así é a relación das portas xiratorias de Ence co PP

Ministros de Aznar e conselleiros do Fraga no Consello de Administración
Carlos del Álamo, Isabel Tocino e Pedro Barato. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carlos del Álamo, Isabel Tocino e Pedro Barato. (Foto: Europa Press)

A comezos de xullo de 2001 rematou o proceso de privatización de Ence. A antiga compañía estatal, fundada en 1968 para agrupar os diversos centros de produción de pasta de papel, abandonou o sector público no marco da venda de grandes empresas do Instituto Nacional de Industria (INI), executada polo Goberno do popular José María Aznar. Malia que a entrada do capital privado na compañía produciuse en 1995, cando o Goberno socialista de Felipe González sacou á venda o 15% das súas participacións, o proceso consumouse en dúas operacións levadas adiante en xuño e xullo de 2001, que concluíron coa compra, por parte de Caixa Galicia e do Banco Zaragozano, do groso das accións da compañía.

A ministra de Medio Ambiente do Goberno de Aznar que planificou a venda de Ence foi Isabel Tocino. Procedente profesionalmente da patronal da enerxía nuclear, membro do Opus Dei, antiga presidenta da Asociación Democrática Conservadora, deputada de Alianza Popular e do Partido Popular entre 1986 e 2000, favorita de Manuel Fraga no proceso de sucesión na dereita que remata coa elección de José María Aznar, fai parte actualmente do Consello de Estado e integra diversos consellos de administración, polos que en 2017 -último ano do que se teñen datos- recibiu remuneracións por un monto de 702.000 euros. Vicepresidenta do Banco de Santander e conselleira da enerxética Enagás, desde 2013 séntase no máximo órgano de dirección de Ence. 

Carlos del Álamo acompaña Isabel Tocino no Consello de Administración de Ence, onde participa desde 2009, ocupando actualmente a responsabilidade de coordinadora da compañía. Conselleiro de Medio Ambiente con Manuel Fraga Iribarne entre 1997 e 2003, director xeral de Montes e Medio Natural da Xunta da Galiza desde 1990 a 1996, responsábel de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente no primeiro Goberno de José María Aznar ás ordes de Isabel Tocino e presidente do Padroado das Illas Atlánticas, após a saída do Executivo galego, como consecuencia da súa xestión durante a traxedia do Prestigue, non tardou en ser contratado pola pasteira.

A relación de Carlos del Álamo con Ence vén de vello. Foi máximo responsábel da política ambiental da Xunta da Galiza no momento da privatización de Ence e polas súas mans pasaron importantes decisións que beneficiaron a compañía.

Ao tempo, participou de decisións do Consello da Xunta chaves para a empresa, entre elas o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para Ence, saltándose as competencias locais en materia urbanística, co obxectivo de evitar que a factoría estivese sometida á normativa municipal e para posibilitar un funcionamento discrecional por parte da pasteira.

Os casos de Isabel Tocino e Carlos del Álamo non son unha excepción.

Outros significados dirixentes políticos do Partido Popular con responsabilidades gobernamentais na área ambiental do Estado e da Xunta, como Pascual Fernández Martínez, secretario de Estado de Costas con Aznar, ocuparon tamén cadeira no Consello de Administración de Ence. Compañeiro de Martínez na dirección da compañía foi Pedro Barato Triguero, máximo responsábel durante anos da Asociación de Jóvenes Agricultores (ASAJA), a organización agraria vinculada ao Partido Popular.

Comentarios