O rei emérito escondeu en Suíza millóns de euros en accións do Ibex-35

En 2015, a compañía instrumental Zagatka xestionou activos por valor de máis de 13 millóns, o 44% dos cales eran participacións en empresas.

O rei emérito Xoán Carlos I de Borbón atópase desde o 3 de agosto nos Emiratos Árabes Unidos (Imaxe: Europa Press)
photo_camera O rei emérito Xoán Carlos I de Borbón atópase desde o 3 de agosto nos Emiratos Árabes Unidos (Imaxe: Europa Press)

Suma e segue nos escándalos do rei emérito español, Xoán Carlos I. El Confidencial publica que o Borbón foi accionista durante case dúas décadas dunha ducia de empresas do Ibex 35. A Fundación Zagatka, con sede en Liechtenstein, foi titular de miles de accións en bancos e grandes empresas españolas como BBVA, Santander, Iberdrola, ACS, Ence, Abertis, Endesa, Acciona e Repsol, entre outras.

A sociedade instrumental Zagatka, xunto coa panameña Lucum, é un dos alicerces da ‘rede opaca’ de Xoán Carlos I. Esta fundación, formada por Álvaro de Orleans-Borbón en 2003, serviu para o rei emérito cobrar comisións, ter efectivo e pagar voos privados por valor de millóns de euros.

Segundo os rexistros dos bancos Credit Suisse e Lombard Odier, onde a Fundación Zagatka tiña contas, a compañía depositaba cartos a través de comisións que se investían inmediatamente na bolsa ou noutros produtos financeiros para obter rendementos.

Ademais, cando Xoán Carlos I requiriu efectivo para pagar voos, hoteis ou outras cousas, Zagatka realizou vendas parciais de activos para ter novos ingresos

El Confidencial asegura que estes movementos tiveron lugar, polo menos, dende 2003 até o 2 de agosto de 2018, cando a fiscalía do cantón de Xenebra abriu unha investigación sobre o posíbel branqueo de cartos do rei emérito.

En 2015, co endurecemento das regras contra o branqueo de cartos, o Credit Suisse invitou a Xoán Carlos I a utilizar outra entidade, de modo que os fondos da compañía instrumental foron transferidos a Lombard Odier.

Nese momento, a fundación xestionaba activos por valor de 13.11.503 euros, o 44% dos cales eran participacións en empresas.

Comentarios