Os concellos reclaman a súa parte do pastel no reparto dos fondos da Covid

Os entes municipais critican que a Xunta non lles transfira cartos para acompañar o esforzo "extra" que están a facer na contención dos efectos da Covid-19.
Alberto Varela, presidente da Fegamp, no Parlamento galego (Foto: Fegamp).
photo_camera Alberto Varela, presidente da Fegamp, no Parlamento galego (Foto: Fegamp).

A crise derivada da Covid-19 obrigou moitos concellos a asumiren tarefas fóra das súas competencias e a reforzaren partidas como as de políticas sociais ou limpeza urbana sen obteren ningún tipo de axudas por parte da Xunta, que si recibiu fondos para conter o impacto da pandemia. Por este motivo, os concellos alzan a voz para pedir un trato xusto e unha reforma da Lei da Administración Local. 

O Parlamento galego, que estas semanas acolle a comisión especial para a reactivación económica, social e cultural da Galiza, está a converterse na tribuna en que representantes dos entes locais evidencian o pouco que se ten en conta a Administración municipal, pese a ter un papel fundamental e especialmente activo na loita contra o avance da pandemia. 

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, foi o primeiro en reclamar "lealdade" e "coordinación institucional" á Xunta, á que acusou de chegar "tarde" e non ter transferido "nin un só euro" aos concellos dos fondos que recibiu do Estado español.

Nesta liña, sinalou que "culpar os de arriba (Goberno estatal) e pasar as responsabilidades aos de abaixo (concellos) sen recursos é un modelo chamado a fracasar. Isto non é un estado  piramidal", lembroulle a Feixoo o rexedor vigués.

"Culpar os de arriba e pasar as responsabilidades aos de abaixo sen recursos é un modelo chamado a fracasar"

Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, urxiu mellorar a coordinación entre as administracións e avanzar no pacto local para comezar a reordenar as competencias dos concellos.

Durante a súa intervención no Parlamento esta segunda feira cualificou de "inaprazábel" e "inescusábel" a mellora da organización entre os tres niveis de goberno.

Como denunciou, os concellos galegos atópanse sometidos a "un grande estres", non só organizativo, senón tamén económico. As administracións locais están a asumir funcións sobrevindas polo coronavirus como limpezas e desinfeccións extraordinarias, control das medidas sanitarias ou o aumento de axudas e prestacións sociais sen recibir nin un só euro por parte da Xunta nin do Estado español, que si recibiron cartos para financiar este tipo de actuacións.

Fondo extraordinario

Nesta liña, Varela reclamou a creación "urxente" dun fondo extraordinario para "aliviar" a realidade dos concellos que "teñen máis gastos, sen recibir axudas e ingresando menos".

A este respecto, lamentou tamén o feito de que a Xunta reducise en 4 millóns de euros as transferencias aos concellos en 2021, segundo consta nos orzamentos, xusto o contrario do que acontece nas contas de organismos como a Deputación da Coruña, que achegará 120 millóns de forma directa ás entidades locais, case tanto como o Goberno de Feixoo no conxunto do país (127,1 millóns, 6,4% menos que en 2020).

Xunto con iso, Varela instou a avanzar no cumprimento do pacto local para eliminar as competencias impropias que están a asumir os concellos. E sobre todo, contar coa información necesaria para artellar as medidas precisas en cada eido, xa que, como denunciou tanto el como o seu homólogo da Femp, Abel Caballero, a Xunta mantivo os concellos no "escurantismo" até hai cuestión de días, cando comezou a facilitar cifras de contaxios e da incidencia da pandemia por municipios.

Reforma do sistema

Desde os concellos destacan que Administración local é a máis próxima á cidadanía, e polo tanto a que mellor coñece as súas problemáticas e a que máis rápida e eficientemente pode darlles resposta, de aí a necesidade de contar cos cartos necesarios para que estas políticas se poidan realizar.

Neste senso, desde a Femp e a Fegamp urxen reformar o sistema de financiamento e de reasignación de competencias, así como acometer modificacións legais que permitan aos concellos adaptarse á nova realidade para gañar en "eficiencia e interacción coa cidadanía".

Iso pasaría, segundo Varela, por pór fin "ao actual rudimento tecnolóxico e organizativo", sen esquecer a necesidade de reaxustar a colaboración entre os diferentes niveis na Lei de Administración Local, que, como lembrou, "leva 23 anos sen tocarse". 

Comentarios