mércores 25/11/20

Galiza precisa o control da reactivación

Carril incide na necesidade de que as políticas para saír da crise teñan Galiza no centro.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, no Parlamento. (Foto: Nós Diario)

Paulo Carril, secretario xeral da CIG, sindicato maioritario na Galiza, participou hoxe na comisión parlamentaria sobre a reactivación económica e social da Galiza para pór sobre a mesa unha lista de medidas encamiñadas a lograr unha saída "xusta" e "galega" á crise derivada da pandemia. 

Para Carril, o que era en principio unha crise sanitaria estase a tornar "nun problema económico e social no que a clase traballadora galega non pode ser a damnificada". Na súa opinión, a resposta das distintas Administracións distan moito de ir na liña correcta, xa que se valen de "instrumentos públicos para socializar as perdas, pero privatizando os logros". 

Tampouco cre que a solución pase por facer da Galiza "un gran Camiño de Santiago" nin por vender o sector turístico como alternativa á perda de empregos en servizos. Na mesma liña, critica que as políticas da Xunta vaian encamiñadas a permitir facer do país "un grande eucaliptal" e non a conter a sangría da emigración e evitar "que a nosa mellor xeración marche". 

Para saír da crise, o responsábel sindical considera que unha das premisas é "recuperar o autogoberno" e reducir a dependencia das políticas de Madrid e da Unión Europea para facer que as medidas que faciliten unha resposta xusta á mesma saian do Parlamento galego. 

Neste ámbito, aposta en fomentar que se fechen no país os ciclos produtivos e mellorar a posición da Galiza no exterior. En materias como o agro e a pesca, "superar o papel mercantilista" e definir "políticas propias". 

Banca pública

Outra das súas propostas pasa pola intervención pública no sistema financeiro, de modo que a Xunta “asuma a promoción de novos proxectos e xogue un papel activo na xestión” pola vía dunha participación directa, como a que reclama para Alcoa e Alu Ibérica en forma de intervención. 

Para a consecución destes obxectivos, Carril ve oportuna a creación dunha banca pública galega que permita que flúa o crédito e que evite a exclusión, levando oficinas a todos os concellos do país.

En materia enerxética, o secretario xeral da CIG advertiu do risco de que os eólicos inunden o rural "como no seu día foron as centrais hidráulicas". Pediu un plan de investimentos para compensar a perda de emprego nas Pontes e Cerceda polo fechamento das centrais que, como apuntou, poderían ir na liña do impulso ao almacenamento de enerxía con hidróxeno. Serían medidas destinadas a combater,  dixo, a "desertización económica e social" á que se están a ver abocadas moitas comarcas da Galiza "sen plans alternativos de reindustrialización".

A derrogación das reformas laborais e a creación de emprego "digno" foron outras das premisas nas que Carril centrou a intervención, na que tamén falou da situación da sanidade. A este respecto, exixiu una xestión pública directa do sistema sanitario e "recuperar o privatizado". Suxeriu un orzamento propio para Atención Primaria, de maneira que non estea suxeita "a intereses hospitalarios", a creación de novas prazas e a eliminación do copago farmacéutico. Anunciou tamén que nas próximas datas presentarán o seu plan para un sistema público galego de atención ás persoas que, insiste, deben ser o centro das políticas de recuperación.

Diálogo Social

Por último, Carril tivo ocasión de facer valer o papel sindical na procura de solucións, ao tempo que afeou ao Goberno galego que non teñan en conta á principal forza sindical da Galiza. 

Neste senso, cualificou o chamado diálogo social como "unha prostitución da representación tripartita" e acusou o Goberno de Feixoo de "estrangular una institución cun Parlamento". Insistiu en que é unha figura que "non ten sostén xurídico" e lembrou que "os consensos constrúense sen sectarismos".

Consello Económico e Social e alcalde de Vigo

Tamén tomou a palabra o ex conselleiro e ex rexedor compostelán, que é actual presidente do Consello Económico e Social (CES), Agustín Hernández, quen evidenciou a escasa aposta no I+D+i na Galiza e quen incidiu na necesidade de impulsar actuacións como o corredor atlántico de mercadorías ou a transformación da Administración para facela máis áxil e próxima á cidadanía. 

Mais o que obtivo Hernández como resposta foi unha batería de reproches polo papel da institución que preside, á que acusaron desde as filas do BNG de ter un papel "inexistente" durante a crise derivada da pandemia. Neste senso, a deputada Noa Presas instou o Consello Económico e Social a "saír da hibernación" e "facer valer" o seu papel como órgano consultivo.

Na sesión da comisión de reactivación económica, social e cultural da Galiza que decorreu onte, o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, encargado de abrir o debate na quenda da mañá, destacou o papel das entidades locais na loita contra a pandemia, que, denunciou, non contaron en moitos dos casos co respaldo da Xunta.

Durante a súa intervención, o rexedor vigués criticou que a Xunta non transferise aos concellos "nin un só euro" dos 23 millóns que recibiu do Goberno español para accións sociais. Incidiu na "imperiosa necesidade de coordinación institucional", e apuntou que "dicir o que facer e logo pedir que nos acompañen" é un "mal sistema".

comentarios