Sanidade e ensino perden peso nos orzamentos

Pese á crise, os servizos públicos esenciais como a saúde e a educación perden peso no proxecto de orzamentos da Galiza que a Xunta elaborou para 2021 a respecto das contas de 2020.
O conselleiro Valeriano Martínez entregou onte os orzamentos ao presidente da Cámara, Miguel Santalices. (Foto: Arxina)
photo_camera O conselleiro Valeriano Martínez entregou onte os orzamentos ao presidente da Cámara, Miguel Santalices. (Foto: Arxina)

A década de tesoiras nos investimentos públicos deixa servizos esenciais como a Atención Primaria ou a Universidade lonxe de paliar os recortes acumulados que o país encadea desde a chegada de Alberto Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta en 2009, tal e como amosa o proxecto de lei de orzamentos xerais da Galiza para 2021 que na segunda feira, 23 de novembro, entregou o conselleiro de Facenda do Executivo, Valeriano Martínez, ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices.

reviamente, na sexta feira, o presidente da Xunta anunciou o proxecto como os “orzamentos máis sociais” da historia da Galiza, cun investimento que alcanza 11.563 millóns de euros e salientou que "esgotara o teito de gasto", situado en 11.664 millóns.

Porén, os datos non o resisten todo, tampouco os titulares de Núñez Feixoo. Nós Diario xa amosaba ese día que en termos reais -tendo en conta a evolución da inflación e restándoa-, as novas contas deixan Galiza con 1.500 millóns de euros menos que as de 2009, as últimas do Goberno galego integrado polo PSdeG e BNG, previo á chegada de Feixoo.

Atención Primaria sobe 96 millóns, pese a levar en 10 anos recortes por 141 millóns

Con todo, e pese ás contas seren anunciadas na sexta, houbo que agardar a esta semana a que o Executivo as entregase ao Lexislativo para poder accederen a elas. E as cifras amosan datos preocupantes nun contexto en que as estaban chamadas a ser as da reconstrución e a protección social e sanitaria. A cuestión é que o incremento medio dos orzamentos con respecto aos do ano pasado é de 13,9%, mais non todas as Consellarías crecen a ese nivel. Mentres a de Presidencia aumenta 26,1% a respecto de 2020, Sanidade sobe o investimento 12,3%, é dicir, 1,6 puntos porcentuais por baixo da media, perdendo peso no conxunto e pasando de contar con 33,8% dos recursos a 33,3%.

O ensino é outro dos prexudicados no reparto de fondos, precisamente cando a crise dificulta a impartición do coñecemento e a comunidade educativa demanda máis medios para poder desenvolver as aulas. A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade só incrementa 6,6%, o seu orzamento, menos da metade da media, e ve reducido o seu peso nas contas globais de 2021 ao 20% cando en 2020 representaba o 20,3%.

A outra gran prexudicada é a Consellaría de Medio Rural, que pesaba 4,6% e agora 4,4%, pese a haber un aumento de 8,9% -moi por baixo do incremento medio-. Mar tamén crece por baixo da media con 12,5%.

O aumento na Primaria non compensa os recortes

A Atención Primaria é a punta de lanza da sanidade e hai consenso, polo menos formal, en sinalar que o seu papel é fundamental para facer fronte á pandemia mais tamén para desconxestionar o tecido sanitario, ampliando a prevención e o tratamento achegado e personalizado. Porén os datos amosan as feridas da década de recortes que lastra a Galiza.  

A área sanitaria de vigo encabeza os concertos con 85,5 millóns

Así pois, de 2020 a 2009 hai unha baixada nos recursos destinados a Atención Primaria, é dicir, un recorte acumulado de 141.995.759 euros, e agora, na proposta de orzamentos da Xunta a suba é de 96.564.510. Isto indica que, a pesar de vivirmos en medio dunha pandemia, o incremento sanitario deste ano fica lonxe de compensar a década de redución na Atención Primaria. 

Aliás, dentro do libro de orzamentos do Sergas, comparando coas contas de 2020, a Primaria fica tamén moi á cola respecto ao aumento do resto de partidas, cun crecemento de 7,45%, por baixo de Atención Hospitalaria (13,06%). 

Millonarios concertos

Os concertos do Sergas con entidades privadas repiten as contías de 2020: 24.041.564 euros na área sanitaria da Coruña-Cee, 9.841.012 na de Ferrol, 5.460.000 en Santiago, 5.000.000 para a de Lugo-Cervo-Monforte, 4.100.000 na de Ourense-Verín-O Barco, 3.457.000 Pontevedra e, en cabeza, 85.500.000 euros, a área Sanitaria de Vigo, onde o centro privado Povisa é un dos grandes beneficiarios de concertos. 

 Aliás, os orzamentos do Sergas inclúen as partidas referidas a infraestruturas e equipamentos sociais en materia de sanidade, e aparecen especificados os gastos pola construción do Novo Hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, con 42.539.000 euros previstos para 2021, cunha previsión para 2022 e 2023 de 37 millóns, e de 440 millóns para 2024 "e seguintes" anos. A estes gastos que van para empresas pola construción do hospital habería que sumar tamén os gastos a empresas concesionarias que operan neste centro. 

Ensino, cultura e rural tampouco recuperan

A pesar de que este ano o orzamento para a Universidade aumenta en 6 millóns, este feito non compensa o recorte acumulado da década de Feixoo de 9 millóns, o mesmo que acontece en Cultura, cun recorte acumulado de 66,6 millóns de euros, a pesar de que agora aumente en 16,6 millóns. 

O acumulado de recortes vese con moita diferenza en Rural, onde en dinamización económica reduciron 63 millóns nesta década e agora só se pretende aumentar en 11 millóns. 

Orzamentos dependentes

A proposta de contas públicas do Executivo galego adoece de dependencia de fondos da Unión Europea e do Estado, o cal obriga a collelas con cautela, xa que nin están aprobados os Orzamentos Xerais do Estado nin, como xa reiterou o propio Feixoo, non se coñecen os criterios de valoración das candidaturas das comunidades autónomas que vaian empregar o Estado e a UE para repartir os fondos de reconstrución. E precisamente, a proposta das contas de Feixoo sinala entre os recursos 685 millóns que virían dos fondos Covid-19 do Estado e 430 millóns do React-EU da Unión Europea, o cal suma 115 millóns que non se deberan dar por asegurados. 

Baixan as transferencias ás corporacións locais

As transferencias directas ás corporacións locais descenden 6,4%, até os 127,1 millóns de euros nos orzamentos da Xunta para 2021. O conselleiro de Facenda explicou esta diminución pola "contención" dos capítulos 1, 2 e 3 das contas, o cal "provoca un axuste en negativo no fondo de cooperación local", pero advertiu de que esta contía "non completa as transferencias" ás corporacións municipais.

Así, precisou que o fondo de cooperación local ten dous compoñentes, "o que se chama o fondo base e o adicional que o acompaña e a liquidación do ano anterior", ambos os dous con reducións. Pero avisou de que "todo isto non completa as transferencias que chegan ás corporacións locais". "Se sumamos o resto de transferencias que hai de distintas consellarías aos concellos prodúcese un aumento de aproximadamente 4 ou 5 millóns de euros", destacou, sen precisar a cantidade global. "Non me pregunten os nomes e apelidos dos que fixeron a Muralla chinesa porque de verdade que non me acordo", afirmou.

Calendario

O calendario de tramitación do proxecto de orzamentos quedou fechado e prevese que a aprobación definitiva do texto sexa o próximo 26 de xaneiro. Previamente, tras o pleno ordinario que se realizará esta semana no Pazo do Hórreo, na quinta feira empezarán na comisión terceira de Economía as comparecencias das e dos membros do Executivo e de distintos entes para explicar o detalle das contas nos seus respectivos departamentos.

Así quedou ratificado tras a reunión da Mesa do Parlamento para cualificar a admisión a trámite e aprobación do calendario de tramitación do proxecto. As comparecencias parlamentarias prolongaranse até o 4 de decembro e o día 11 finalizará o prazo para a presentación das emendas á totalidade, que previsibelmente rexistrarán os grupos do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista.

"Oportunidade perdida", di a oposición

Tanto a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cargaron contra os orzamentos deseñados pola Xunta para o ano 2021, xa que ven neles "unha oportunidade perdida para a Galiza". En fronte, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, defendeu as contas e xa deu por feito que a oposición impulsará emendas á totalidade ao efectuaren "críticas automáticas", dixo.

Ana Pontón criticou que as contas, a pesar da pandemia, "repliquen" os exercicios anteriores. "Botamos de menos un proxecto de país", advertiu a dirixente nacionalista, quen incidiu en que "o importante é gastar ben cada euro extra" que chegará á Galiza.

O acumulado de recortes en rural é de 63 millóns e agora só sobe en apenas 11

"Os orzamentos son unha oportunidade perdida e de malgasto de recursos", engadiu, antes de pór o foco, ademais, en que "o esforzo en servizos públicos é insuficiente para reverter unha década de recortes en sanidade, educación e servizos públicos". "O incremento en sanidade e ensino é inferior á media, perden peso relativo", reprobou a líder do Bloque.

Tamén cargou contra o denominado 'fondo de consenso' que a Xunta dotou de 1% do orzamento para acordar con sindicatos, patronal e partidos, no marco da comisión parlamentar de reactivación. Ese 1% amosa que se trata "dunha versión cutre de orzamentos participativos", dixo Pontón.

Caballero quixo sinalar como fundamental "ter proxectos, ideas e compromiso co conxunto do país", cuestións que non ve nas contas de Feixoo. "Os orzamentos teñen que ser expansivos e impulsar políticas anticíclicas", subliñou e engadiu que chegarán recursos importantes procedentes da UE e do Estado e apelou a "aproveitalos" adecuadamente.

Comentarios