Os concellos do rural galego tiran de enxeño para atraer e fixar poboación

O Concello das Neves vén de lanzar un portal inmobiliario gratuíto para favorecer a chegada de novos habitantes á comarca do Condado.
O Concello das Neves busca atraer poboación da man da iniciativa #VivenasNeves (Foto: Concello das Neves).
photo_camera O Concello das Neves busca atraer poboación da man da iniciativa #VivenasNeves (Foto: Concello das Neves).

Na Galiza, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) existen na actualidade máis de dous mil aldeas en situación de abandono, ao que se suman outros tantos núcleos de poboación en risco de quedar despoboados, pois só habitan neles unha ou dúas persoas.

O rural esmorece pouco a pouco, pero hai concellos dispostos a darlle a volta a esta situación. É o caso do das Neves, na comarca do Condado, á beira do Miño, que xa en 20 puxo en marcha a iniciativa #VivenasNeves, coa que pretende atraer e fixar nova poboación neste municipio, que conta na actualidade con algo máis de 3.800 habitantes. 

Como explica a Nós Diario o seu alcalde, Xosé Manuel Rodríguez, o Goberno local buscou "a mellor maneira de promover o feito de vivir nas Neves e atraer á xente a unha contorna como a nosa, moi preto de Vigo, cunhas boas vías de comunicación e con todo tipo de servizos públicos".

Fixérono a través de varios procesos participativos, nos que detectaron que unha das preocupacións da poboación era as dificultades á hora de atopar unha vivenda para estabelecerse no concello. 

Para evitar esta eiva, o Concello das Neves vén de lanzar un portal inmobiliario que conta xa con máis de 40 propiedades. "Hai inmóbeis de todas as tipoloxías", indica o rexedor, desde vivendas illadas tradicionais a edificacións en zonas urbanas, tanto para entrar a vivir como das que precisan traballos de rehabilitación previos.

O novo portal web, que non ten custo ningún para as persoas que decidan publicar un inmóbel, persegue un dobre obxectivo, explica Rodríguez. Dunha banda, "situar As Neves no mapa e facilitar que a xente coñeza a oferta coa que se pode encontrar se quere cambiar de vida" e, por outra, "rachar coa perspectiva negativa da vida no rural, despois de moitos decenios nos que se asentou a mensaxe de 'estuda ou xa sabes o que che queda', case invitándote a que te foras". "Nós, desde a Administración Local, temos que cambiar esta mensaxe, tamén aproveitando que coa pandemia a xente comezou a valorar o rural como un espazo ideal para vivir".

Pero a política de vivenda do concello vai moito máis aló. Segundo confirma o seu alcalde a este medio, hai xa meses que negocian co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) a inclusión do centro da vila e o barrio da Estación nunha área de rehabilitación integral rural para favorecer a mellora das edificacións.

Aldea modelo

Outra das iniciativas que están a levar a cabo desde o Concello das Neves é a recuperación para o seu desenvolvemento económico e ambiental de 40 hectáreas de monte entre as parroquias de Tortoreos e Rubiós por medio dunha nova Aldea Modelo, na que traballan da man da Consellaría de Medio Rural desde hai máis dun ano.

O obxectivo, como apuntou no seu día o alcalde, é "pasar do abandono á utilidade" e recuperar un espazo desatendido para obter produtos con selo ecolóxico, "facilitando a creación de emprego e de riqueza". A iniciativa, ademais da mobilización das terras, busca contribuír á recuperación e rehabilitación de vivendas abandonadas e a prevención de incendios.

Comentarios