A volta ao campo xunto á potenciación da economía circular, opcións de futuro

A xornada 'Economía circular: oportunidades de emprego', organizada por CCOO, reuniu persoas expertas procedentes do ámbito sindical, empresa, universidade e Goberno galego para abordar os retos, mais tamén as perspectivas de futuro, que se abren co cambio de mentalidade á que obriga o actual modelo económico. Ademais de exemplos empresariais da actualidade, foron protagonistas as experiencias e os estudos relacionados co mundo rural.
Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada da USC (á esquerda), na xornada "Economía circular: oportunidades de emprego".(Nós Diario)
photo_camera Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada da USC (á esquerda), na xornada "Economía circular: oportunidades de emprego".(Nós Diario)

Nun contexto de crise das materias primas, de desorbitado prezo da luz e de problemas para a xestión dos residuos, "cómpre repensar a maneira en que producimos e consumimos", sinalaba Francisco Méndez, secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO da Galiza.

Con esta idea este sindicato realizou onte a xornada "Economía circular: oportunidades de emprego", na que se presentaron proxectos e ideas de cara ao futuro inmediato. 

No panorama actual, volver a ollada cara ao rural semella ser a solución. É o que opinaba José Antonio Rodríguez Añón, profesor de Física Aplicada da USC e un dos participantes da xornada, que lembraba que o interior do país representa un 6% do produto interior bruto (PIB) galego e conta co 10% dos empregos.

"Está moi castigado, pouco empregado e aínda así quero pensar que o rural será a solución para moitos problemas", sinalaba. 

Na súa opinión "urxe actuar antes de que cheguen os fondos europeos", nun territorio que viviu "pandemias, cambio climático e fluxos migratorios". É positivo e crítico a un tempo ao constatar que "a Galiza ten un potencial rural e de pesca moi importante que moitas veces só se aproveita para campañas de imaxe". 

O futuro pasa por recuperar o campo

Este profesor da USC analizou polo miúdo o informe das "Debilidades, Ameazas, Forzas e Oportunidades (DAFO) da Galiza 2014-2020" realizado pola Xunta da Galiza para concluír que "o rural e a economía rural son a solución de futuro".

Puxo como exemplo que "grazas a el soportamos o illamento" que trouxo a pandemia, unha situación que non levaron igual de ben outros países como Italia ou Francia "e que agora vemos co Brexit". Malia este aspecto positivo, Rodríguez Añon denuncia o proceso de terciarización que se vive. "Estámonos cargando o sector produtivo primario e secundario, apostamos pola fatalidade dun terciario", aseguraba. 

Ademais, apuntaba a unha falta de planificación na transición, "como vemos nos casos de Vestas, Alcoa, As Pontes e na comarca de Ferrolterra onde están a piques de desmontarse os estaleiros" recomendando "tratar de trasladar á poboación o que é unha transición, que non a confundan co que foi unha reconversión".

En relación aos fondos europeos Next Generation advirte que "mal empregados moralmente e socialmente poden ser un agasallo envelenado" e pon como exemplo "o que aconteceu cando se quixo salvar as entidades bancarias". 

Economía circular

Na xornada presentáronse varios proxectos de economía circular con capacidade de crear emprego nun futuro. Miguel Fernández (SGRE), por exemplo, deu a coñecer as investigacións que remataron coa construción da primeira pa de aeroxenerador 100% reciclábel na que todos os seus compoñentes se poden reciclar despois de empregarse. 

Outro exemplo de innovación relacionado coa economía circular foi o exposto por Alberto Otero (Foresa Technologie), que aclarou as alternativas de hidróxeno verde que existen, unha materia prima empregada en moitas industrias e que Europa ten que importar. 

Noutra das intervencións, Virginia Moreno, de Ecoembes, explicaba que "tamén o medio ambiente é un obxectivo económico, non podemos seguir dependentes doutros países e temos que imitar a natureza", asegurando que "só serán competitivas as empresas que se adapten a estes cambios".

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO, admitía que "estes procesos de cambio levarán consigo a perda de emprego en moitas empresas" polo que é preciso "formarse cara a esa reconversión".

Comentarios