Os efectos da desbocada inflación na Galiza: cae a compravenda de vivendas mentres sobe 11% no Estado

En outubro vendéronse 1.645 vivendas no país, o que representa un descenso de 1,7% en comparanza co mesmo mes de 2021. 

Vivendas da Promotora Paseo Marítimo no Porriño (Foto: Nós Diario).
photo_camera Bloque de vivendas no Porriño. (Foto: Nós Diario)

A compravenda de vivendas na Galiza caeu 1,7% durante o mes de outubro, en relación co mesmo mes de 2021, até contabilizar 1.645 transaccións, segundo os datos publicados esta sexta feira polo INE. Estas cifras contrastan coas rexistradas a nivel estatal, xa que no total de España vendéronse 11,4% vivendas máis que en outubro do ano pasado.

O total de leiras transmitidas inscritas nos rexistros galegos alcanzou as 8.045 unidades, 10,4% menos, situándose o país como o terceiro que máis baixa, só por detrás de Nafarroa (-17,2%) e de Castela-A Mancha (-11,6%).

En concreto, destas máis de 8.000 leiras transmitidas, 2.330 eran leiras rústicas, así como 3.163 eran vivendas; 167, solares, e 2.385, outras leiras urbanas. Das 3.163 vivendas, 1.645 transmitíronse por compravenda; 28, por doazón; unha, por permuta; 763, por herdanza, e 726, doutras formas. Entre outros datos, das vivendas vendidas, 1.601 eran libres, así como 44 protexidas. Aliás, na súa maioría (1.263) eran vivendas usadas.

Datos estatais

A nivel estatal, a compravenda de vivendas subiu 11,4% o pasado mes de outubro en relación ao mesmo mes de 2021, até sumar 51.615 operacións, a maior cifra nun mes de outubro desde 2007, cando se superaron as 58.500 compravendas. A importante diferencia entre o mercado inmobiliario galego e o estatal pode entenderse tendo en conta a elevada inflación que padece a Galiza, moi superior á media do Estado. Así, mentres no conxunto estatal a vivenda encareceu no último ano 1%, no país foi o dobre: 2,7%.

Co avance interanual de outubro, a compravenda de vivendas encadea 20 meses consecutivos de taxas positivas. Aliás, o crecemento das operacións acelerouse 4,5 puntos a respecto da repunta interanual de setembro, cando as compravendas de vivenda aumentaron 6,9%.

Esta repunta interanual das compravendas de vivendas en outubro foi consecuencia do incremento en 15,6% das operacións sobre vivendas usadas, até as 42.771 compravendas, xa que as operacións sobre pisos novos diminuíron 5,4% interanual, até un total de 8.844 transaccións.

O 92% das vivendas transmitidas por compravenda no décimo mes do ano foron vivendas libres e o 8%, protexidas. A compravenda de vivendas libres subiu 11,9% interanual en outubro, até as 47.500 operacións, mentres que a de protexidas avanzou 5,2%, sumando en total 4.115 operacións.

En termos mensuais (outubro sobre setembro), a compravenda de vivendas retrocedeu 10%, menos do que o fixo en 2021, cando as operacións caeron no mes de outubro en 13,6%. Nos dez primeiros meses deste ano, a compravenda de vivendas aumentou 17,6%, con avances de 20,7% no caso das vivendas de segunda man, e de 5,4% nas vivendas novas.

Comentarios