Vivir na Galiza sae caro: a inflación rexistra o cuarto maior dato do Estado, cuxa media é sete décimas inferior

Os datos consolidados de novembro confirman o crecemento sen control da inflación subxacente.
Os alimentos encarecéronse 15% no último ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Os alimentos encarecéronse 15% no último ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O índice de prezos de consumo (IPC) subiu unha décima en novembro en relación ao mes anterior, pero recortou tres décimas a súa taxa interanual, até 7,5%, segundo datos publicados esta cuarta feira polo INE. Desta maneira, o crecemento dos prezos no país fica por riba da media estatal, cun dato de 6,8%, unha décima menos que en outubro e medio punto porcentual por baixo que a súa anterior taxa interanual.

Na Galiza, o prezo dos alimentos e das bebidas non alcólicas subiu 15% nos últimos doce meses, mentres que as bebidas con alcol e o tabaco incrementaron o seu custo en 4,8% neste período. Pola súa parte, o vestido e o calzado revalorizáronse 0,4%, mentres que a vivenda subiu até 2,7%.

Outros artigos como o enxoval aumentaron o seu prezo 8,3%, mentres que os medicamentos fixeron o propio con 1,6% e o transporte, 9,1%, do mesmo modo que o lecer e a cultura, que subiron un 2,8%, e os hoteis, os cafés e os restaurantes, cunha repunta de 8,7%. Os únicos servizos que baixaron de prezo no último ano son as comunicacións (-2%) e o ensino (-1,2%). Aliás, no que vai de ano a inflación situouse na Galiza en 6,4%, nove décimas máis que a media estatal.

A nivel estatal, o IPC caeu unha décima en novembro en relación ao mes anterior e recortou medio punto a súa taxa interanual, até 6,8%, a súa cifra máis baixa desde xaneiro, xusto antes de declararse a guerra en Ucraína, cando o IPC situouse en 6,1%, sempre segundo os datos definitivos do INE, que coinciden cos avanzados polo organismo a finais do mes pasado. O dato galego, alén de sete décimas superior á media estatal, é o cuarto máis elevado do conxunto do Estado español, só por detrás de Castela-A Mancha (8,1%), Castela e León (7,8%) e Nafarroa (7,6%).

O dato de novembro é catro puntos inferior ao pico alcanzado o pasado mes de xullo, cando a inflación escalou até 10,8%, o seu nivel máis alto desde setembro de 1984. Coa moderación rexistrada en novembro, a inflación suma catro meses consecutivos de descensos na súa taxa interanual despois de que en agosto baixase tres décimas, até 10,5%; en setembro diminuíse 1,6 puntos, até 8,9%, e en outubro minguase 1,6 puntos, até 7,3%.

Segundo o INE, a moderación do IPC interanual até 6,8% en novembro débese, principalmente, á baixada dos prezos dos carburantes, da electricidade e do gasóleo para calefacción e dos hoteis. Tamén inflúe na moderación da inflación o feito de que os prezos de vestido e calzado, pola nova temporada de inverno, subiron menos en novembro deste ano do que o fixeron no mesmo mes de 2021.

Os prezos dos alimentos, pola súa banda, creceron en novembro un 15,3% en taxa interanual, unha décima menos que en outubro. Dentro dos alimentos, os que máis subiron de prezo no último ano son o azucre (+50,2%); os aceites e graxas (+31,5%); o leite (+30,9%); os ovos (+27,1%); os cereais (+22,9%); os produtos lácteos (+21,7%) e as patacas (+21,5%).

Sen ter en conta a rebaixa do imposto especial sobre a electricidade e as variacións sobre outros impostos, o IPC interanual alcanzou en novembro o 7,3%, cinco décimas por encima da taxa xeral de 6,8%. Así o reflicte o IPC a impostos constantes que o INE tamén publica no marco desta estatística.

A subxacente escala a 6,3%

En termos mensuais —novembro sobre outubro—, o IPC rexistrou un descenso dunha décima, en contraste coa suba de tres décimas experimentada en outubro. A inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos— subiu en novembro unha décima, até 6,3%, co que se sitúa só cinco décimas por baixo da taxa do IPC xeral, a menor distancia desde febreiro de 2021.

O IPC subxacente é un indicador considerado máis preciso polas persoas expertas por excluír os alimentos sen elaborar e os produtos enerxéticos e carburantes, máis volátiles ao depender con máis forza de diversos factores vencellados á economía internacional, como está a acontecer coa guerra en Ucraína e o desmedido avance do prezo da enerxía.

No penúltimo mes de 2022, o índice de prezos de consumo harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual no 6,7%, seis décimas inferior á rexistrada no mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual do IPCH rexistra un descenso de tres décimas.

Comentarios