25 anos amañando licitacións públicas: así era o 'modus operandi' destas seis construtoras sancionadas por Competencia

As multas económicas impostas superan os 200 millóns de euros, e as compañías denunciadas, entre elas FCC, unha das executoras do viaduto caído da A-6, non poderán obter máis contratos coa Administración.
Obras de construción dunha promoción de vivendas. (Foto: Europa Press)
photo_camera Durante máis de dúas décadas alteraron licitacións públicas de infraestruturas de interese xeral como hospitais, estradas ou aeroportos. (Foto: Europa Press)

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de impor multas por un importe total de 203,6 millóns de euros a seis das principais construtoras españolas por alterar durante 25 anos miles de licitacións públicas destinadas á edificación e obra civil de infraestruturas. Aliás, determinou a prohibición a estas empresas de contratar coa Administración.

As compañías e sancións impostas por Competencia son Acciona (29,4 millóns), Dragados (57,1 millóns), FCC (40,4 millóns) —unha das executoras do viaduto caído na A-6—, Ferrovial (38,5 millóns), OHL (21,5 millóns) e Sacyr (16,7 millóns), segundo informou esta quinta feira Competencia, que declarou o arquivo de actuacións contra a empresa Lantania.

A CNMC explicou que desde 1992 estas seis compañías reuníanse semanalmente e decidían os contratos públicos nos que ían compartir traballos técnicos das súas ofertas. Ademais, intercambiaban información sobre a súa estratexia de presentación aos concursos públicos.

Entre as miles de licitacións afectadas existen infraestruturas de interese xeral, segundo a CNMC. "Trátase de prácticas cuxos efectos foron especialmente daniños para a sociedade, xa que afectaron miles de concursos convocados por administracións públicas españolas para a construción e edificación de infraestruturas como hospitais, portos e aeroportos, estradas, etc", subliña Competencia.

Entre as administracións afectadas figuran fundamentalmente as pertencentes ao ámbito de Fomento, incluíndo o Ministerio de Fomento —actual Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana— xunto cos seus organismos e entidades públicas empresariais dependentes. Segundo Competencia, estas condutas constitúen unha infracción moi grave dos artigos 1 da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de Defensa da Competencia e 101 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea.

Así era o 'modus operandi'

O organismo que preside Cani Fernández explica que o 'modus operandi' das sancionadas consistía en reunións semanais, que iniciaron en 1992, para analizar as licitacións de obra pública que se publicaron en diferentes plataformas de contratación do Estado. Nos devanditos encontros, as empresas decidían os concursos en que ían compartir —entre todas ou nun subgrupo— unha parte ou a totalidade dos traballos que comporían as ofertas técnicas das licitacións.

Os traballos encargábanse conxuntamente polos membros do grupo a empresas externas. As empresas non podían modificar os traballos xerados en conxunto para presentalos nas súas ofertas sen o coñecemento e a aprobación do resto de membros do grupo. A única personalización admitida era a inclusión de logos e denominacións de cada empresa no documento conxunto "para dar ás administracións unha aparencia de independencia na presentación das ofertas", describe a CNMC.

Estas seis empresas desenvolveron unhas complexas normas de funcionamento que foron evolucionando durante o tempo que durou esta conduta irregular, engade Competencia. Aliás, nos encontros semanais, as empresas intercambiaban información comercial sensíbel —diferente da necesaria para compartir os traballos—, como, por exemplo, a súa intención de concorrer ou non a licitacións, ou a intención de formar UTEs (Unión Temporal de Empresas) e os membros que as integrarían.

No caso dos contratos de edificación e obra civil de infraestruturas de interese xeral —hospitais, estradas, aeroportos, etc.— a oferta técnica era en moitas ocasións a variábel competitiva con maior importancia durante o período investigado. Segundo a CNMC, esta chegaba a alcanzar 70% da puntuación do concurso, fronte ao 30% correspondente á puntuación económica.

Os traballos que compartían as construtoras eran sempre obxecto de puntuación pola administración como parte da oferta técnica. Nalgúns supostos, arredor de 5%, as empresas chegaron a compartir o proxecto de licitación que ían presentar á Administración. "O feito de compartir as ofertas técnicas e os intercambios de información entre licitadores incumpren os deberes de proposición única e de secreto das proposicións e eliminan a independencia esixida ás empresas nos procedementos de contratación pública", sostén a CNMC.

O organismo sinala que as empresas disolveron o grupo no ano 2017 e manifestaron expresamente que estes acordos podían ser contrarios ás normas de Defensa da Competencia.

Comentarios