As dúas construtoras manteñen importantes intereses na Galiza

As conexións políticas no modelo de negocio de ACS e FCC

As hipóteses sobre o sinistro do viaduto da A-6 apuntan con forza a erros cometidos na fase construtiva. As empresas que ergueron a infraestrutura, como boa parte das compañías de obra civil, dependen, esencialmente, na súa operativa dos contratos públicos. A importancia das conexións políticas resultan fundamentais no seu modelo de negocio.

Treito afundido da ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Treito afundido da ponte da A-6 ao seu paso por Pedrafita. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A conta de resultados de empresas como ACS ou FCC depende das adxudicacións públicas. Malia representar a actividade construtiva unha parte importante da súa facturación, o seu nicho de negocio leva anos desprazándose á xestión de servizos privatizados. Un caso paradigmático é o traballo de FCC no ámbito dos residuos urbanos, cunha presenza moi importante en diferentes concellos galegos, ou de ACS, no campo das residencias de maiores, a través da súa filial Clece.

A conexión galega

ACS e FCC apareceron relacionadas en diversas ocasións en tramas de corrupción en diferentes áreas do mundo. Sen saír da Galiza, estas dúas compañías foron sinaladas en 2006 polo antigo xerente do PP galego, Modesto Fernández, como doantes do partido. Precisamente na contabilidade deste, entregada por Luis Bárcenas ao xuíz da Audiencia Nacional Pablo Ruz, ACS aparece financiando ao partido con 60.100 euros e FCC con 108.000 euros. Concretamente, o ex presidente desta última compañía, José Mayor Oreja, irmán do ministro de Interior no Goberno de José María Aznar, recoñeceu en sede xudicial ter efectuado pagos ao Partido Popular.

O primeiro accionista e actual presidente de ACS é Florentino Pérez. Antigo concelleiro da UCD en Madrid, director xeral de Transportes do Estado no último Goberno de Suárez e persoa chave no Partido Reformista, cun papel moi destacado nas eleccións galegas de 1985, son coñecidas as súas relacións no mundo da política. Un caso público é o de Alberto Núñez Feixoo, con quen partilla todos os anos unha mariscada en Cedeira en compañía de Mariano Raxoi e do xornalista Bieito Rubido.

Florentino Pérez

Pérez rodeouse no seu grupo empresarial de antigos cargos públicos reciclados en directivos empresariais polo efecto das portas xiratorias. Un exemplo disto é o antigo dirixente nacionalista catalán, Miquel Roca i Junyet, membro do consello de administración de ACS. Outro conselleiro da construtora é Emilio García Gallego, director xeral de Obras Públicas da Xunta da Galiza entre 1990 e 1998, presidente de Portos da Galiza de 2000 a 2003 e persoa de máxima confianza de Xosé Cuíña.

FCC, a compañía impulsada pola familia Koplowitz baixo a protección de Francisco Franco, ten como primeiro accionista o multimillonario mexicano Carlos Slim, facendo tamén parte do seu capital Bill Gates. Ao tempo, non descoida as relacións políticas, pasando polo seu consello de administración cargos políticos tan significados como o ministro de UCD e comisario europeo de Transportes Marcelino Oreja, o ministro de Economía do PSOE Miguel Boyer ou o antigo lider dos socialistas vascos, Nicolás Redondo Terreros.

Comentarios