A Comisión da Competencia desaproba as sucesivas prórrogas da concesión da AP-9

A Comisión Galega da Competencia estima que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa "non poden ser ben valoradas desde o punto de vista da competencia". Advirte ademais de que as compensacións á empresa polas obras de Vigo e Santiago son "excesivas" e poden ser consideradas como axudas de Estado.
Un informe de Competencia reproba as prórrogas das concesións da Autoestrada do Atlántico a Audasa (Foto: John Keith / Adobe Stock)
photo_camera Un informe de Competencia reproba as prórrogas das concesións da Autoestrada do Atlántico a Audasa (Foto: John Keith / Adobe Stock)

Un informe da Comisión Galega da Competencia sinala que "as sucesivas prórrogas dos prazos da concesión da autoestrada AP-9 á empresa Audasa non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia". 

O documento deste órgano colexiado independente, adscrito ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia da Xunta da Galiza, sinala tamén a "duración excesivamente longa da concesión" o que implicou "unha alteración dos factores económicos, sociais, da mobilidade e tecnolóxicos que se tiveron en conta no momento do seu outorgamento". 

Fixéronse tres prórrogas da concesión: a primeira en 1977, da man do Goberno da UCD no Estado; seguiuna en 1994 a do Executivo de Felipe González (PSOE), e a máis longa foi a de José María Aznar (PP). que no ano 2000 outorgou a Audasa unha prórroga até 2048. Precisamente, o Executivo de Aznar privatizou en 2003 a empresa pública ENA (Audasa), coa AP-9 como grande activo, vendéndoa a un consorcio liderado pola empresa Sacyr. Esta compañía fichou dous anos despois para o seu consello de administración Rafael Arias-Salgado, ministro de Fomento cando Aznar ordenou a concesión.

As compensacións a Audasa serían "axudas do Estado"

O informe de Competencia estima que as compensacións á concesionaria Audasa polas obras de ampliación da autoestrada nos accesos a Vigo e Santiago de Compostela (aprobadas por Real Decreto en 2011 coa sinatura do polo entón ministro socialista José Blanco) son "excesivas" e poden ser consideradas como "axudas de Estado". Nese sentido, o informe remarca que a empresa tería percibido "unha compensación moi superior" á cantidade achegada polo financiamento das obras, "podendo constituír unha axuda de Estado".

Cada vez é maior "a enxeñaría creativa dos Estados para tratar de evitar a obriga de ter que comunicar unha axuda como axuda estatal", advírtese entre os 14 puntos das conclusións do informe.

Precisamente, nesas conclusións, o órgano lembra que a contratación pública "debe axustarse aos principios de liberdade de acceso" ás licitacións, publicidade e transparencia dos procedementos, de non discriminación e igualdade de trato entre os licitadores.

A explotación dunha estrada de peaxe -en calquera das súas modalidades- e, por tanto, as concesións de autoestradas con contratos de concesión de obra pública destinados á construción e explotación "constitúen unha actividade económica". Así, ao constituír unha actividade económica, as medidas que beneficien as empresas explotadoras desas infraestruturas "poderán ser consideradas como xenuínas axudas de Estado"

A continuación, o informe apunta que as axudas a esas empresas concesionarias son unha das manifestacións de intervención pública na actividade económica e, por tanto, "un factor externo nas propias forzas do mercado que pode comportar problemas desde o punto de vista da competencia polo seu potencial efecto distorsionador".

É aí cando estima que as sucesivas prórrogas da concesión da AP-9 "non poden ser ben valoradas desde o punto da competencia". Nese sentido, o informe engade que a concesión, unha vez adxudicada, "implica un monopolio legal en favor do concesionario e o feche do mercado ao resto de operadores até o momento en que volva saír a licitación, polo que as sucesivas prórrogas impiden a concorrencia deses operadores, desaparece o mercado e a competencia en prexuízo da propia Administración e dos consumidores que non se poderán ver beneficiarios das vantaxes dun mercado en competencia, con mellores servizos e mellores prezos consecuencia do traslado de eficiencias aos usuarios finais".

As tarifas non deberían subir en 10 anos

Competencia tamén advirte que hai varios plans económicos financeiros na concesión da AP-9, polo que "expón o problema de determinar en que medida están vixentes algunhas das cláusulas contidas" no primeiro. Entre os ofrecementos complementarios, atópanse algúns de "especial relevancia como o da renuncia total pola concesionaria á revisión das tarifas durante os dez últimos anos do período concesional".

O pleno da Comisión "estima que continúan vixentes eses ofrecementos complementarios e, por tanto, deben de ser aplicados ao concesionario".

Un beneficio inxustificado

E en relación ao sistema de compensación previsto no decreto asinado en 2011 por José Blanco, Competencia considera que o cálculo do sistema de compensación "debería deseñarse exclusivamente co obxectivo de que a empresa concesionaria Audasa puidese recuperar os custos do investimento executado como consecuencia da ampliación de capacidade deses tramos [accesos de Vigo e Santiago]". Porén, remarca que "en ningún caso" as compensacións deberían servir "para xerar pola vía de incremento das tarifas autorizadas polo Ministerio un beneficio inxustificado para a empresa concesionaria derivado do adianto do investimento".

Tamén advirte do sistema "certamente complexo", xa que non se realiza por medio de entrega directo, senón a través dun incremento "que deberán abonar os usuarios", o cal é aprobado polo Estado.

PP e PSdeG evitan que se reprobe os Gobernos que fixeron as prórrogas

O informe da Comisión Galega da Competencia chega despois de que no pasado mes de setembro a Comisión Europea considerara ilegais as prórrogas da concesión da AP-9 por seren concedidas sen cumprir as normas da UE. Neste contexto, o deputado do BNG Luís Bará reclamou no Parlamento galego esta terza feira, 26 de outubtro, “un pronunciamento” da Cámara ao tempo que demandou reprobar os diferentes Gobernos que promulgaron unhas concesións que "provocaron moitos agravios aínda sen resolver". O voto desfavorábel do PP e a abstención do PSOE impediron que prosperase a iniciativa. Bará sinalou que as decisións dos diferentes Gobernos coas prórrogas “están baixo sospeita, bordeando a prevaricación e o desvío de poder”.

Comentarios