As construtoras multadas pola CNMC defenden a legalidade do seu proceder e recorrerán na Audiencia Nacional

"A propia resolución recoñece que non existe un acordo restritivo da competencia cuxo obxecto fose alterar as licitacións", afirman desde unha das compañías.
Sacyr é unha das compañías que xa avanzou que recorrerá a sanción. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sacyr é unha das compañías que xa avanzou que recorrerá a sanción. (Foto: Europa Press)

Seis grandes construtoras españolas recorrerán a multa de 203,6 millóns de euros imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) por alterar durante 25 anos miles de licitacións públicas destinadas á edificación e obra civil de infraestruturas.

As empresas confirmaron a esta quinta feira a súa desconformidade coa sentenza ditaminada polo órgano regulador da competencia, polo que teñen previsto presentar recursos en contra da decisión do organismo.

Recorrerán a sanción perante a Audiencia Nacional

"Manifestamos a nosa absoluta discrepancia coa resolución da CNMC. A propia resolución recoñece que non existe un acordo restritivo da competencia cuxo obxecto fose alterar as licitacións", sinalou un portavoz de Ferrovial, unha das compañías multadas, a Europa Press, confirmando que a empresa interporá un recurso perante a Audiencia Nacional e que confía na "anulación íntegra" desta resolución.

No que atinxe ao resto de construtoras, tanto Acciona como Sacyr ou ACS mostraron a súa completa desconformidade coa resolución e teñen previsto recorrela, segundo informaron fontes das empresas.

As empresas multadas por Competencia son Acciona (29,4 millóns), Dragados (57,1 millóns), FCC (40,4 millóns), Ferrovial (38,5 millóns), OHL (21,5 millóns) e Sacyr (16,7 millóns).

A CNMC explicou que desde 1992 estas seis compañías reuníanse semanalmente e decidían os contratos públicos nos que ían compartir traballos técnicos das súas ofertas.

Ademais, intercambiaban información sobre a súa estratexia de presentación aos concursos públicos. Entre os milleiros de licitacións afectadas existen infraestruturas de interese xeral como hospitais, portos e aeroportos e estradas, segundo Competencia.

Comentarios