sábado 19/06/21

O comité de Xeal reclama á Xunta que declare a nulidade da venda das plantas

Exixen o Executivo galego a exercer as súas competencias en materia industrial para garantir a viabilidade das plantas e o mantemento dos postos de traballo.
Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).
Protesta da pasada sexta feira dos traballadores e traballadoras de Xeal ás portas da fábrica de Brens, no concello de Cee (Foto: Nós Diario).

A pasada sexta feira, o comité de empresa de Xeal Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas iniciou un novo calendario de mobilizacións, que terá continuidade todas as semanas con concentracións ás 14.45 horas diante da fábrica de Brens (Cee).

Deste modo, a representación dos traballadores e traballadoras quere denunciar a "operación fraudulenta" do cambio de titularidade de Ferroaltántica ao fondo comprador, xestionado por Íthaka, que na práctica actúa como unha "maquila" de Ferroglobe, a multinacional controlada polo empresario Juan Miguel Villar Mir e propietaria de Ferroatlántica.

Como advirte o presidente do comité de Xeal, Alfonso Mouzo, desde ese proceso de cambio de titularidade están a pór en perigo a viabilidade das fábricas e o mantemento dos postos de traballo, requisito recollido no título concesional e en distintas sentenzas xudiciais xa firmes.

Neste senso, segundo explicou a Nós Diario, esixen á Xunta que anule a operación de 2019, xa que a nova propietaria "está tirando con este centro de traballo, que era exemplar" e, ademais, non se lle pediu autorización administrativa previa, como cando Villar Mir comprou a Carburos Metálicos (despois Ferroatlántica) en 1992.

Mouzo dubida de que a Xunta acceda a dar este paso, e máis se se ten en conta o seu papel "cómplice" coa empresa. "Está a ver o que pasa e non fai nada", lamenta. "Nin sequera nos facilita o plan de viabilidade ao que deu o visto bo", engade o representante sindical. 

Destrución de emprego

Pero o que máis preocupa ao comité é o que está a acontecer co persoal da empresa. Segundo relata Alfonso Mouzo, desde a chegada de Íthaka amortizáronse 30 postos de traballo na compañía, na súa gran maioría xubilacións que quedaron sen cubrir, ás que hai que sumar 80 postos de traballo no emprego eventual anual e tamén nas auxiliares.

Xunto a isto, critican o recente despedimento "inxustificado" dun traballador por "baixo rendemento", cando na carta de despedimento "din que era o mellor do departamento", apunta o presidente do comité, que engade que o feito de que "unha empresa que non quere traballar despida un traballador por baixo rendemento é o colmo dos colmos".

Namentres, a empresa segue con dous fornos parados, o que supón "unha perda de capacidade produtiva e de postos de traballo moi importante". E, segundo Mouzo, non é por unha cuestión de mercado, xa que subiu o prezo de todos os metais. "É o momento de traballar, pero eles non queren", di en alusión aos novos propietarios. "Se quixesen pór os fornos a traballar terían que contratar xente, pero como non queren contratar, os fornos seguirán parados", lamenta.

Ante esta situación, entenden que a Xunta "non pode seguir mirando para outro lado e seguir sendo cómplice destas actuacións da empresa, que están levando á ruína as nosas fábricas e, por extensión, a toda a comarca". Lembran que a Xunta ten competencias en materia industrial e sobre as concesións das centrais, "e ten que exercelas" defendendo a viabilidade das factorías e a continuidade dos empregos, conclúe Mouzo.

Nova victoria nos tribunais

Coincidindo co inicio das mobilizacións, o Tribunal Supremo anunciou o rexeitamento do recurso presentado no seu día por Ferroatlántica (antiga propietaria) e continuado por Xeal contra a decisión de Augas da Galiza de impedir a segregación do negocio de xeración hidráulica ─a empresa ten varias concesións hidroeléctricas nos ríos Xallas e Grande─ do das ferroaliaxes, que obriga tamén a empresa a manter os postos de traballo e a viabilidade das fábricas.

Segundo sinala o presidente do comité de Xeal, Alfonso Mouzo, as centrais son unha "mina de ouro" para a empresa. "Eses beneficios caídos do ceo son a nosa baza" porque a actividade das plantas e o mantemento dos postos de traballo están ligados á produción de enerxía. "A Xunta debería facer valer iso", insistiu o representante laboral.

comentarios