luns 18/01/21

Xeal recorre ante o Supremo o veredicto do TSXG sobre as centrais

O comité denuncia a intención da nova propietaria de segregar a produción de ferroaliaxes da actividade das centrais hidroeléctricas, como xa pretendera Ferroatlántica no seu día.
Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa para protestar polos plans da empresa (Foto: Nós Diario).
Os traballadores de Xeal volverán saír á rúa para protestar polos plans da empresa (Foto: Nós Diario).

Xeal, a empresa que aglutina as antigas fábricas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría e as centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande, vén de presentar un recurso de casación ante o Tribunal Supremo contra a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que avalou o o rexeitamento de Augas de Galiza a autorizar á empresa, entón controlada polo empresario Juan Miguel Villar Mir, a segregar a actividade de ferroaliaxes da produción eléctrica. 

Á vista do comité de empresa, este movemento "evidencia unha vez máis que o verdadeiro interese de TPG-Ithaka (a actual propietaria) está no substancioso negocio enerxético".

"Mentres as fábricas sofren un progresivo deterioro por falta de investimento e o recorte drástico das capacidades produtivas, a empresa non escatima esforzos na súa batalla para conseguir a segregación das centrais", engaden. 

Como lembra a representación dos traballadores, o fondo norteamericano xa dera mostras das súas intencións no momento de tomar as rendas do complexo industrial, pois entón xa se negara a retirar o recurso presentado en 2017 por Ferroatlántica contra esta mesma decisión, pese a ser coñecedora da ilegalidade da desvinculación de actividades, "unha teima na que agora incide presentando este recurso no Supremo", apuntan.

Desde o comité destacan que o fondo chegou con promesas de garantir o emprego e a viabilidade das fábricas, mais que "o único que hai a día de hoxe son fornos sen actividade, falta de mantemento e investimentos, perda de postos de traballo e unha clamorosa ausencia dun plan industrial". 

Ante esta situación, anuncian a súa intención de retomar as mobilizacións semanais cunha concentración esta sexta feira, 15 de xaneiro, ás 19 horas diante de Concello de Cee, "en defensa do futuro industrial da comarca e do mantemento de todos os postos de traballo". 

Por outra banda, sinalan que veñen de solicitar unha reunión coa Consellaría de Economía, Empresa e Innovación, xa que "transcorrido un ano e medio da venda seguimos sen coñecer o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións, malia que dito plan xa lle foi requirido pola Administración á empresa hai meses", polo que exixen unha maior implicación da Xunta neste senso.

comentarios