mércores 14/04/21

O PP bota abaixo unha proposta para manter o emprego nas fábricas de Xeal

O PP vota en contra dunha proposta para defender as traballadoras de Xeal
Traballadoras de Xeal mobilizándose. (Foto: Comité de Empresa)
Traballadoras de Xeal mobilizándose. (Foto: Comité de Empresa)

O PP negouse a apoiar o mantenemento do emprego en Xeal (a antiga Ferroatlántica) e o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo de Xustiza de Galiza, que decretaba ilegal o intento da empresa de segregar a parte industrial e a adicada ao aproveitamento enerxético hidroeléctrico, na comisión parlamentar de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo de onte.

O debate partiu dunha proposición non de lei do BNG, que lanzou esta proposta despois de que a Xunta non se comunicara nos últimos dous meses co comité de empresa. Nesa última reunión as traballadoras pediron ao Goberno galego que exixira á empresa o Plan de Viabilidade Industrial, que en teoría tiñan que ter aportado no momento da compra, explicou Daniel Pérez, deputado do BNG na comisión.

Na proposta do deputado nacionalista, tamén se incluía a solicitude do contrato de compraventa, que aínda non se fixo público, no que se expuña o vencello entre a actividade da fábrica e da produción de enerxía.

Investimentos

Outro dos aspectos que o PP rexeitou na comisión foi instar a empresa a que cumpra cos investimentos prometidos nos complexos industrias de Cee e Dumbría, así como o desenvolvemento dun calendario de rearranque dos fornos.

Pérez, que presentou a proposición non de lei, indicou que o futuro da empresa “vai depender da non segregación” e criticou a Xunta pola súa inacción e o PP por votar en contra da iniciativa, que apoiaron BNG e PSdeG. 

Alu Ibérica

Por parte do PSdeG cuestionaron ao Goberno galego sobre  o futuro produtivo e o mantemento dos postos de traballo na planta de Alu Ibérica na Coruña. Tamén abordou a promoción económica da área da Coruña, defendendo o deseño e desenvolvemento dun plan específico por parte da Xunta dirixida por Alberto Núñez Feixóo.

Pemes

Noutro dos puntos da orde do día, aprobouse por unanimidade chamar a Xunta a impulsar novas iniciativas e instrumentos de apoio económico ás Pemes.
A proposta do PP busca “introducir o deseño das estratexias empresariais que permitan favorecer a recuperación da crise por medio da utilización de ferramentas e metodoloxías de pensamento creativo”
Este pulo pretende “a xeración de novo valor en produtos, servizos e modelos de negocio máis sostíbeis e máis dixitais”.
 

comentarios