xoves 26/11/20

O TSXG volve dar a razón aos traballadores e desestima o recurso de Ferroatlántica

Ratifica o carácter esencial da vinculación das fábricas e a produción eléctrica como garantía do interese público.

Vista da factoría de Xeal en Cee (Foto: Nós Diario)
Vista da factoría de Xeal en Cee (Foto: Nós Diario)

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de ditar sentenza desestimando o recurso de alzada que Ferroatlántica interpuxo en decembro de 2017 contra o acordo de Augas de Galiza denegando a segregación das actividade de ferroaliaxes e da produción de enerxía.

Esta resolución, consideran desde a CIG, “desbarata os argumentos da empresa para xustificar a desvinculación”, mais o comité xa adianta que seguirá pelexando "porque a dirección quere separar as fábricas das centrais pola vía dos feitos consumados".

A representación do persoal valora moi positivamente a resolución do TSXG, entendendo que, tal e como está recollido nas cláusulas das concesións, non había lugar para unha decisión en sentido contrario. E así se analiza no punto décimo da sentenza, “na que explicitamente se afirma que a prohibición de desvincular actividades constitúe unha condición esencial das concesións, introducida para garantir o interese público, neste caso o mantemento do emprego nas plantas de ferroaliaxes. Non estando por enriba da salvagarda do interese xeral nin a liberdade de empresa nin o libre mercado, tal e como argumentou Ferroatlántica”.

O comité salienta que esta sentenza dálle a razón os traballadores e as traballadoras e deixa en evidencia a fraude das actuacións de Ferroatlántica, "que no seu momento pretendeu vender os dereitos de explotación dos aproveitamentos hidráulicos do río Xallas e Grande como se foran da súa propiedade; e cando non o conseguiu orquestrou unha operación fraudulenta para traspasar a TPG-Ithaka o complexo industrial e as centrais, buscando darlle unha aparencia de legalidade". Esta non é a primeira vez que Ferroatlántica busca desvincular as actividades en vía xudicial, pois en dúas ocasións iniciou procesos que sempre concluíron a prol da non segregación.

Mais, a representación do persoal apunta tamén á responsabilidade de XEAL que, “coñecedora da ilegalidade da segregación, optou por seguir adiante co recurso de Ferroatlántica, demostrando que o seu único interese está no substancioso negocio da produción eléctrica”.

comentarios