O comercio local rebélase contra a tiranía do 'Black Friday' e dos "monstros" en liña

Máis da metade das compras que se realizarán durante a próxima semana terán lugar en tendas e plataformas dixitais.
O Concello de Muros presentou onte unha campaña de consumo próximo e responsábel. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O Concello de Muros presentou onte unha campaña de consumo próximo e responsábel. (Foto: Nós Diario).

A unha semana do Black Friday, o Concello de Muros pon en marcha unha campaña para impulsar o consumo consciente e responsábel co apoio do comercio local. Trátase dunha iniciativa que busca facer fronte ás ofertas das grandes canles de distribución "que afogan os pequenos negocios" e impulsar relacións de compravenda máis próximas, informadas e duradeiras.

Este fenómeno comercial importado ten cada vez máis collida entre as persoas consumidores, nomeadamente entre as compradoras en liña, unha realidade que non pasa desapercibida para os negocios de proximidade.

O pequeno comercio non pode axustar máis os prezos

"O Black Friday antes era un só día, agora xa é unha semana. Antes afectaba só ao gran consumo, agora atinxe todos os sectores". O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, asegura a Nós Diario que o comercio local é o gran prexudicado ante operacións desta magnitude, "xa que non temos a marxe de manobra que exhiben as grandes plataformas". O pequeno comercio non pode axustar máis os prezos, di, ao tempo que a capacidade de gasto das persoas consumidoras se achica tras espremer os aforros da pandemia e comezar a sentir os efectos da inflación.

Con todo, aventura Seijas, consumo vai haber. "É probábel que a facturación se asemelle á do ano pasado" o que non significa que se venda máis. Hai que ter en conta a suba de prezos e que cada vez máis o gasto é máis repartido. 

Segundo os seus cálculos, de media, as galegas e galegos gastarán uns 250 euros nos próximos días no marco do Black Friday, a maioría en compras en liña. "O que é máis difícil de estimar é que porcentaxe dese gasto vai ir parar ao pequeno comercio. Pode ser un 20, un 50, un 70%", teoriza.

Menos beneficios

"A fortaleza do pequeno comercio é a especialización, a proximidade e o trato. Sempre vai haber quen te escoite e te oriente. Nisto os grandes monstros do comercio, que ninguén coñece, non poden competir", resalta Seijas.

A venda por internet "non é o seu forte", recoñece, mais nos últimos anos as tendas locais están a facer un grande esforzo neste sentido. "Algún beneficio obterán, mais ningún comparábel co das grandes superficies e plataformas de venda en liña. E todo o que se vai por aí é perda para nós, para os pequenos comerciantes mais tamén para o conxunto da economía galega", salienta o presidente dos comerciantes galegos.

Consumo consciente

As prácticas consumistas destes xigantes "afogan o comercio de proximidade", corrobora a alcaldesa de Muros, María Lago. "Todo o sector coincide en que campañas como as do Black Friday o que fan é limitar as súas posibilidades e arrebatarlles beneficios con moita máis carga de traballo". É por iso que coa súa complicidade veñen de lanzar unha campaña propia de consumo consciente e responsábel que culminará a sexta feira 24 de novembro con actividades nos centros educativos, nos comercios e na rúa, "creando dinámicas de participación coa veciñanza".

'En Muros poñémoslle cor ao venres negro', di o lema da iniciativa que busca "darlle a volta á situación" e promover un consumo responsábel, local, de calidade, informado e duradeiro, respectuoso coa contorna e "afastado de modas foráneas".

Moda, beleza e tecnoloxía acaparan as vendas

O gasto medio previsto na Galiza durante a campaña do Black Friday alcanzará os 275 euros, segundo o Zoom de intención de gasto elaborado polo Observatorio Cetelem.

De acordo cos resultados deste estudo –realizado a partir de 2.200 enquisas en liña en todo o Estado– 44% das galegas e galegos enquisados ten a intención de adquirir algún produto nestas datas. Máis da metade das persoas utilizarán exclusivamente a canle en liña, se ben, catro de cada dez admiten que tamén mercarán de forma presencial.

Moda, calzado, produtos de beleza, electrónica e tecnoloxía serán as áreas comerciais que máis vendas finalicen, ademais do sector dos xoguetes, xa que seis de cada dez galegos e galegas afirman que algunhas das compras que realizarán durante a semana do Black Friday serán para adiantar as de Nadal.

Comentarios