Internet sae ao rescate do pequeno comercio galego

Din que en casos de necesidade é cando xorde o enxeño. De aí que coas restricións impostas polo coronavirus brotasen na Galiza varias plataformas que permiten ao pequeno comercio facer da adversidade unha oportunidade para seguir adiante cos seus negocios e mesmo gañar clientela e aumentar a facturación.
Posto no mercado de Abastos de Compostela (Arxina).
photo_camera Posto no mercado de Abastos de Compostela (Arxina).

Milleiros de persoas viven na Galiza do pequeno comercio. Son autónomas que en moitos casos non poden levantar as reixas dos seus negocios polas restricións aparelladas ao estado de alarma e que dependían dos seus ingresos para manter a economía familiar. Durante anos foron os grandes esquecidos por unha sociedade que primaba as compras nas grandes superficies. Pero a COVID-19 fixo mudar os hábitos de compra e tamén fixo ver a moita xente que o produto de calidade non é tanto o que leva unha marca como o que pode ofrecer a tenda da esquina. 

O problema é que o reducido tamaño destes estabelecementos e as escasas marxes que manexan failles moi complicado ter presenza en internet para colocar os seus produtos. Por sorte, nos últimos tempos xurdiron varias plataformas no país que tratan de salvar esta eiva e, ao tempo, axudar as pequenas empresarias nun momento en que o están a pasar realmente mal

Como explica a Nós Diario Pablo Sánchez, impulsor de DBarrio, unha plataforma xurdida en Vigo como punto de venda para estes negocios, "ao principio non querían nada online. Metíanse, pero non pensaban que fosen vender, pero unha semana despois xa recuperaran o investimento inicial". 

DBarrio xurdiu en Vigo, pero hoxe xa teñen presenza en Pontevedra, A Coruña e Tui. Pablo Sánchez cre que "nunha semana ou dúas" poden cubrir xa toda Galiza. Están a buscar socios locais que se encarguen da atención ao cliente e de xestionar as entregas, que tamén se fan con repartidoras locais.

"A xente quere comprar no pequeno comercio, mais queren que llo poñan fácil"

Precisamente, a rapidez é un dos seus puntos fortes. A diferenza das grandes plataformas, estas empresas poden entregar os produtos en menos de 24 horas. E cantos máis comercios se sumen, máis variedade haberá. "A xente quere comprar no pequeno comercio, mais queren que llo poñan fácil", apunta Sánchez. 

Os comercios poden vender online pese a estar fechados, pero hai outro tipo de negocios que non o teñen tan sinxelo para conseguir ingresos coa reixa baixada. Voltaremos, outra das plataformas galegas de nova creación, xorde para dar resposta a esta cuestión. Como sinala a este medio Roberto Amor, un dos seus impulsores, a xente pode agora comprar un vale ou un bono na cervexaría do barrio (sempre que estea na plataforma, claro está) para ir tomar as cañas cando abra, unha vez remate o confinamento.

Ao igual que DBarrio, teñen un lado solidario tamén, xa que parte das vendas van destinadas a fins sociais. No seu caso, cobran 4 euros por negocio até cubrir os custos da propia plataforma, e o resto vai para Unicef e a loita contra o coronavirus.

A súa iniciativa, que xa conta con preto de medio cento de comercios adheridos, moitos deles na área metropolitana da Coruña, onde xurdiu, mesmo chegou a oídos do presentador catalán Risto Mejide, que non dubidou en darlle difusión nas súas redes sociais. 

DBarrio espera cubrir toda Galiza en cuestión de días e seguir crecendo polo Estado español. Voltaremos, pola súa banda, céntrase só no mercado doméstico galego. Outras plataformas, como Eprox, que xa operaba antes da crise do coronavirus, tamén pensan en ofrecer os seus servizos fóra da Galiza, pero o primeiro é consolidar a súa presenza no país. De momento están na Coruña, Ourense e Vigo.

Eles, como indican a Nós Diario, non están a cobrar a cota ás súas usuarias durante o confinamento. Tamén, a diferenza das outras, devolven ás clientas 2% das compras para que poidan gastalo dentro da plataforma e así incentivar as vendas. No que todas coinciden é no enorme potencial do pequeno comercio e en que a venda online "veu para quedar".

Comentarios