Máis de 1.000 negocios tiveron que fechar na Galiza este verán

Galiza perdeu 1.013 negocios nos meses de agosto e setembro.

A hostalaría e o comercio retallista concentran a maioría dos traballadores por conta propia (Foto: Marta Fernández / Europa Press).
photo_camera A hostalaría e o comercio retallista concentran a maioría dos traballadores por conta propia (Foto: Marta Fernández / Europa Press).

Segundo os datos achegados esta terza feira pola Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA), procedentes dos fornecidos polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, no mes de agosto cesaron na súa actividade 512 traballadores e traballadoras por conta propia e outros 501 no mes de setembro.

A destrución de emprego no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) alcanza unha porcentaxe máis levada na Galiza que na media do Estado, na liña de 2022, ano en que Galiza encabezou a destrución do emprego autónomo.

O presidente de UPTA, Eduardo Abad, denunciou na xornada desta terza feira que “o sector máis prexudicado ao longo do ano segue sendo o comercio”. Nesta perspectiva, destacou "o elevado número de negocios que se perderon, sen dúbida debido á crise económica, á escaseza e aos elevados prezos das materias primas, do combustíbel e da electricidade”. A este respecto, entende que “máis que nunca é necesario activar un plan de rescate para o comercio tradicional”.

45 comercios ao día

"Desde UPTA alertamos, de novo, que o comercio retallista está a perder cada vez máis actividades económicas, este pasado verán desapareceron 45 pequenos comercios ao día, unha cifra non asumíbel”, dixo Eduardo Abad.

Nesta dirección, asegurou que "non podemos permitirnos o luxo de que a distribución de bens de consumo diario quede en mans unicamente das grandes empresas” e concluíu que “de seguir así, perderemos a esencia fundamental do noso país". "Ou as administracións interveñen ou non se poderá frear o desastre e miles de autónomos quedarán na ruína", advertiu.

Comentarios