O comercio galego comeza a sentir os efectos da Covid nas compras de Nadal

A Federación Galega de Comercio sinala que o aumento de contaxios está a retraer a presenza de persoas nas tendas físicas
A rúa Príncipe de Vigo. (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).
photo_camera A rúa Príncipe de Vigo é unha das arterias comerciais da cidade (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

O alto número de contaxios nesta sexta vaga da Covid está a pasar factura ao comercio galego. Segundo recoñeceu o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, a elevada circulación do virus está a retraer ás persoas consumidoras en plena campaña de Nadal.

"Moita xente non sabe que facer, se vai ter reunións familiares ou non, e todo isto retrae as vendas. Esperamos que non volvan as restricións", desexou.

Desde a federación, o seu presidente asegurou que teñen postas as súas esperanzas en mellorar a facturación de cara á festividade de Reis, aínda que afirmou que boa parte das compras están xa realizadas, sexa presencialmente ou a través de internet. "Non vai ser unha campaña (de Nadal) esaxerada. A ver se conseguimos igualar as cifras de 2019. Iso estaría ben", estimou.

Unha das consecuencias directas da irrupción do virus foi o aumento das compras en liña. Neste senso, Seijas indicou que en dous anos realizáronse as vendas do que prevían "de aquí a cinco ou seis anos". 

"A xente non sabe se pode desprazarse, tamén polo elevado número de  contaxios, aproveita e compra a través de internet. É algo que temos que asumir e defender este tipo de vendas do mesmo xeito que as que se producen fisicamente", advertiu.

Vendas de novembro

Esta terza feira, o Instituto Nacional de Estatística (INE) deu a coñecer as cifras de facturación do comercio polo miúdo do mes de setembro, un período marcado por campañas como o 'Black Friday', que rexeitan desde a Federación Galega de Comercio, por beneficiar sobre todo ás grandes firmas de distribución.

En relación co mes de outubro, as vendas do comercio polo miúdo creceron na Galiza 2,4% en novembro, un dato que é positivo, pero que se ve rebaixado cando se compara co dato estatal, onde o aumento foi de media de máis do dobre (5,9%).

En canto á ocupación, incrementouse en 0,7% en relación a outubro e 2,7% en variación anual, co que acumula un ascenso de 0,4% no que vai de ano.

O dato podería mellorar co novo ano, pois a firma de recursos humanos Randstad prevé que as rebaixas xeren na Galiza preto de 13.730 contratacións, un volume 14,6% superior ao da última campaña, cando se asinaron 11.984 contratos, e 36,9% maior que o de antes da pandemia (10.028). 

Este aumento suporá sobrepasar en 7,9 puntos porcentuais a media estatal (29%), ocupando así o segundo posto, só por detrás de Castela-A Mancha.

Comentarios