O sector do pequeno comercio carga contra o 'Black Friday'

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, cargou contra o 'Black Friday' ou 'Venres Negro' porque asegura que favorece máis as grandes multinacionais que os pequenos e medianos negocios.

comercio rebaixas (RiobooPrada)
photo_camera Seijas sinala que o Nadal era a época do ano de maiores vendas (Imaxe: Rioboo Prada)

Neste sentido, lamenta que esta xornada "anticipa o Nadal" e conleva "uns descontos durante varios días que o pequeno e o mediano comercio non poden asumir", debido á subida de custos como os enerxéticos e os combustíbeis.

"Vai levar a pasalo con moitas dificultades, mesmo ao consumidor", alerta.

Seijas quéixase de que é unha moda "importada dos Estados Unidos" e que, aínda que "antes era un día", agora dura "unha semana ou máis con descontos e moitas promocións".

Ademais, insiste en que o 'Black Friday' provoca "desgaste" nos negocios máis pequenos "para o Nadal", porque "hai moita xente" que aproveita este día para facer as compras para esas datas.

Antes, lembra Seijas, o Nadal "eran das datas de maiores vendas do ano e solucionaba o fechamento do ano" ao comercio. Neste contexto, reitera a necesidade de que se volvan regular "por lei" os períodos de rebaixas e descontos, unha medida que "desapareceu" coa modificación da normativa no ano 2012.

Problemas de desabastecemento

Por outra banda, o presidente da Asociación de Distribuidores de Lugo (Adislugo), Eloy García, confirmou que o sector sofre problemas de "desabastecemento" de bebidas e viños de importación, vidros e cartóns. Un problema que vinculou co atasco de mercadorías no tráfico marítimo.

García constatou igualmente que o futuro do sector é "moi incerto". "Aínda que este 2021 foi mellor que o pasado, aínda así imos fechar cunhas vendas un 20% menores que en 2019", sinalou.

A isto súmase "o problema de subministracións", que describe como "terríbel". Estamos mal a nivel de bebidas e viños de importación que non temos e estamos a tirar de stock e tampouco hai vidros, nin cartóns", dixo.

Aventura que van pasar "un malo". "A ver se conseguimos que se manteña parte da ocupación e traballar en Nadal", apuntou.

Outro aspecto que fai estragos no sector da distribución é o emprego, dado que "non estamos nos niveis de persoal do ano 2019, máis ou menos temos un 20% menos de traballadores".

Comentarios