O comercio galego acolle con medo e prudencia o levantamento das restricións

As vendas de alimentación no comercio polo miúdo son as únicas que presentan datos positivos.
A falta de incentivos para fomentar as vendas está a provocar que cada vez sexan máis os comercios que deciden botar o feche (Foto: MISSMI)
photo_camera A falta de incentivos para fomentar as vendas está a provocar que cada vez sexan máis os comercios que deciden botar o feche (Foto: MISSMI)

O comercio galego mira con esperanza e ao mesmo tempo con preocupación a mellora da situación epidemiolóxica no país. Con optimismo, porque o bo tempo e o fin das restricións á mobilidade na Galiza favorecen que máis xente se poida achegar a mercar nos seus estabelecementos, mais temen que unha cuarta vaga poida volver obrigalos a botar o feche. 

Os datos publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) constatan o impacto da terceira vaga, xa que en febreiro, un mes marcado polas restricións á mobilidade e o fechamento dos negocios non esenciais, o comercio polo miúdo galego rexistrou un descenso das súas vendas de 7,2% respecto ao mesmo mes de 2020. Trátase da quinta caída consecutiva, xa que para atopar un dato positivo hai que retroceder até o pasado mes de setembro. 

En relación ao mes anterior, o esborralle das vendas do comercio polo miúdo é moito maior, de 13%, un dato que contrasta co do 9% da media de territorios do Estado español. 

No que vai de ano, a caída da facturación está en liña cos datos do mes de febreiro e descende 7,2%. Podería ser maior se a alimentación non tirase á alza das vendas. 

Nos dous primeiros meses do ano, as vendas de alimentación no pequeno comercio galego medraron 1,3% a prezos constantes (3% a prezos correntes), aínda que en termos anuais representan 1% menos que no mesmo mes de 2020. 

No resto de negocios, entre os que se atopan os non esenciais, a caída das vendas foi moito máis acusada, de 9,7% (9,3% a prezos correntes) no que vai de ano e de 8,2% tomando como referencia os datos de febreiro do pasado ano.

Prevén máis fechamentos 

A consecuencia deste descenso, a ocupación tamén volveu baixar, 2,6% en febreiro, o que dá conta de que moitos negocios están a botar o feche definitivo.

Sobre esta situación xa alertara o presidente da Federación galega de comercio, José María Seijas, quen recoñecía que o sector atravesa "unha situación moi mala". "Ten que haber axudas directas e carencia para créditos, prorrogar os ERTE... Buscar accións rápidas e eficaces, porque do contrario moitos comercios van desaparecer".

Segundo os datos da Federación, Galiza perdeu 20% dos seus comercios pola pandemia, mais advirte que a cifra aínda se pode incrementar, xa que "as trazas non son boas".

Aumenta o aforro

Galiza é o territorio onde máis se incrementou o poder adquisitivo da cidadanía durante a pandemia (+1,9%). A crise da Covid-19 e as incertezas sobre a situación económica están a levar moitas familias a conter o seu gasto e incrementar os aforros.

Esta mesma semana, o Instituto Nacional de Estatística (INE) constataba esta tendencia a nivel do Estado español. Segundo os seus datos, os fogares foron o axente institucional cun comportamento máis precavido no ano da Covid. En 2020, a taxa media de aforro situouse no 14,8% da renda dispoñíbel, máis do dobre que en 2019 (6,3%) e o nivel máis alto desde que hai rexistros.

Non foi tanto polo incremento das rendas, que descenderon de media 3,3%, senón pola contracción do consumo, de 12%, que aínda vai tardar en volver aos niveis previos á pandemia.

Pendentes das axudas

Para tratar de reverter esta situación, a Xunta anunciou a mediados de mes o reparto entre a poboación de 330.000 vales de 30 euros para incentivar as vendas do comercio de proximidade con descontos de até 20%, mais esta medida, a primeira da Xunta para incentivar o consumo desde o inicio da pandemia, aínda non pasou do papel.

Non sucede o mesmo coas medidas postas en marcha polos concellos, con axudas millonarias directas para gastar no comercio local en cidades como A Coruña (xa van pola segunda edición dos Presco), Cangas, Compostela ou Vilagarcía, que se suman a outras de carácter organizativo como a peonalización de rúas para incentivar as visitas.

Comentarios