Colectivos do mar reivindican normas claras para o etiquetado dos produtos

A frota unirase coas súas propias demandas ao resto do sector primario.
O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero (Foto: Federación Estatal de Confrarías).
photo_camera O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela, Basilio Otero. (Foto: Federación Estatal de Confrarías).

Representantes da cadea de valor do mar demandaron ao Ministerio español de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 que vixíe o cumprimento da normativa de etiquetaxe nos procesados para garantir ás usuarias información "clara, veraz, rigorosa e precisa".

Persoas expertas do sector primario, do de transformación e do de comercialización trasladaron esta terza feira ao director xeral de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, Daniel Arribas, algúns exemplos de etiquetaxe que ao seu xuízo "non cumpren coa lexislación vixente".

Tal como explicaron, o uso de denominacións de fantasía, como podería ser sabores do mar -exemplo ficticio- ou de pictogramas que fan referencia a ingredientes non incluídos, irían en contra da normativa.

Así mesmo, este grupo do sector presentou o informe independente Power of Plant Based Alternative Foods and Beverages 2023, elaborado por Nielsen (empresa estadounidense de estudos de mercado), segundo o cal as usuarias séntense "confusas".

O informe sinala que 54% das persoas enquisadas recoñece que ten dificultades para diferenciar os produtos procesados plant-based -produtos e alimentos elaborados exclusivamente con ingredientes de orixe vexetal- da proteína animal no supermercado e, ademais, 58% admite que inviste algo ou moito tempo en analizar o envase.

Sen paros polo momento

O presidente da Federación Estatal de Confrarías e patrón maior de Burela (A Mariña), Basilio Otero, descartou "de momento" que o sector realice paros, xa que suporía "empezar a casa polo tellado", mais advertiu que tamén se unirá ás reivindicacións do sector primario.

Comentarios