18-F | DEBATE

Debate: que medidas precisa o sector pesqueiro galego?

Tras o veto da Unión Europea á pesca de arrastre, cuxa frota na Galiza abeira as 130 embarcacións; após a ameaza do presidente arxentino, Javier Milei, que finalmente retirou a súa proposta de liberalizar os caladoiros da Arxentina no marco da Lei Ómnibus, que comprometía a chegada dunhas 50.000 toneladas anuais de peixe ao porto de Vigo; en vista do conflito da mexilla que enfronta o sector do mexillón e do percebe e o avance da eólica mariña máis aló da actividade extractiva, que actuacións defenden PP, BNG e PSdeG no ámbito da pesca galega?
Balseiro (PP), Pérez (BNG) e Torrado (PSdeG).
photo_camera Balseiro (PP), Pérez (BNG) e Torrado (PSdeG).

José Manuel Balseiro Orol, candidato número 7 do PP por Lugo. Presidente da Comisión de Pesca no Parlamento da Galiza

A principal ameaza que sofre o sector pesqueiro galego está na imposición que, desde distintas instancias, se está a facer das teses do ecoloxismo mal entendido. Hai quen parece esquecer que ninguén está máis interesado en protexer o mar e favorecer a súa sustentabilidade e futuro que os homes e mulleres profesionais da pesca e do marisqueo, que fan deste recurso o seu medio de vida.

Por iso resulta sorprendente que en Galicia haxa forzas políticas como o BNG que se alían en Europa cos grupos ecoloxistas radicais, tan afastados dos intereses da nosa pesca e cuxo máximo expoñente é o comisario europeo do ramo, o lituano Sinkevičius. Ese mesmo nesgo ambientalista pode verse nalgunha das decisións adoptadas polo Ministerio de Transición Ecolóxica, da socialista Teresa Ribera, sen que o ministro de pesca, o tamén socialista Luis Planas, fose quen de emendalas, nin o BNG de condicionalas.

Ante este rumbo equivocado non caben medias tintas. No PPdeG contamos con ampla experiencia na defensa dos intereses marítimo-pesqueiros e sempre daremos a batalla, con datos e argumentos, para que no proceso de toma de decisións se teña en conta o imprescindible equilibrio entre a dimensión ambiental e a dimensión social e económica da actividade pesqueira.

Avogamos por plans estratéxicos que recoñezan a Galicia que sabe a mar

A Galicia que funciona é tamén a que propón solucións ás dificultades. O PP liderou un goberno con experiencia, que sabe traballar. Aspiramos a revalidar a confianza do sector conscientes de que hai retos por diante. Acompañaremos unha defensa xurídica firme diante dos casos de peche discrecional das zonas de pesca. Apoiaremos a renovación da frota e o acceso aos novos fondos europeos de financiamento. Traballaremos en novos plans estratéxicos que recoñezan a importancia da Galicia que sabe a mar. A normalización da situación da mexilla e o peche da crise en Arxentina, invitan á esperanza.

Con todo, mentres a sociedade non sexa consciente da prioridade da produción pesqueira e siga aducida polo pensamento Bambi dun mar sen barcos e sen redes que capturen o peixe, o ecoloxismo radical seguirá impoñéndose e a produción pesqueira reducíndose e perdendo valor. A xente abandonará a pesca porque non é rendible e porque atopan máis obstáculos que apoios. Se queremos defender a Galicia mariñeira, o que hai que facer é rachar cos seus maiores inimigos. Hoxe votar a esquerda é apostar por un verde intenso que só fai que a nosa xente do mar se vexa negra para saír adiante. Sentidiño!


Rosana Pérez Fernández, candidata número 3 do BNG pola Coruña. Funcionaria da Consellaría de Educación e parlamentaria

A pesca supón hoxe 1,8% do PIB galego. Hai apenas 20 anos representaba 2,4%. O valor da produción da pesca extractiva galega baixou un 66,3% desde  011, pasando de 1.014,9 millóns de euros a 673. Entre 2010 e 2022 os buques pesqueiros diminuíron na Galiza un 16,8%,  pasando de 4.952 a 4.240, mentres, a redución media en Europa foi dun 11,4% e en Portugal, dun 10,4%.

Desde 2009 o réxime de afiliación á Seguridade Social da pesca e a acuicultura caeu un 20%, pasando de 23.552 afiliados a 19.627.
Mentres todo isto ocorre, a ocupación do mar por actividades moi afastadas da extractiva, como a acuicultura industrial e a eólica mariña prevista, gañan terreo progresivamente.
É evidente que estamos nun momento crítico e cómpre, antes que ningunha outra medida nin decisión, apostar por un Goberno galego que crea nas potencialidades do sector, que lidere a súa defensa e que apoie firmemente o seu desenvolvemento.

É vital, diante das lesivas decisións que se veñen tomando desde a UE, como a da prohibición da pesca de artes de fondo en 87 caladoiros do Atlántico nororiental, despregar prioritariamente todas as accións políticas conducentes ao recoñecemento da Galiza como 'zona altamente dependente da pesca' e da súa capacidade directa de negociación, da súa participación e consentimento naquelas cuestións de especial relevancia en materia pesqueira, nomeadamente na reforma da Política Pesqueira Común. 

Cómpre un plan de recuperación das rías para o coidado dos recursos

Ter voz propia como nación pesqueira que somos revélase tamén imprescindíbel para que se nos escoite, e sobre todo para que se nos teña en conta, desde o Goberno do Estado á hora de mediar e estabelecer canles de negociación diante de medidas que poden vir doutros países, como as recentes ameazas á nosa frota por parte do Goberno arxentino.

Con respecto ás competencias exclusivas do Goberno galego, como a regulación da extracción da cría do mexillón, o primeiro é ter interese en exercelas e levar a cabo un verdadeiro plan de recuperación das rías para o coidado e preservación dos recursos e dialogar e acordar cos distintos sectores. 

Galiza non se pode permitir o luxo de desbotar ningún deles, nin o percebeiro nin o mexilloeiro, e compételle á Xunta elaborar normativas claras que os protexan e non que os enfronten, lonxe de imposicións unilaterais, escoitándoos e  pondo ao servizo do seu desenvolvemento o traballo dos centros de investigación propios.


Julio Torrado Quintela, candidato número 4 do PSdeG por Pontevedra. Doutor en Psicoloxía Social e parlamentario

"A maior preocupación para o sector xa non é o clima, nin a situación da auga, senón o Goberno da Xunta, que non quere ver a realidade dunha situación crítica", afirmaba o pasado outono Julio Torrado na Comisión de Pesca do Parlamento da Galiza. O voceiro socialista de marisqueo denunciaba entón a pasividade da Xunta, "que está a pór en perigo a viabilidade" dunha actividade económica chave para a Galiza. 

O interese do PSdeG pola situación que atravesan os bancos continúa. E así o manifestou nas últimas semanas, en contacto coa xente do mar e ao carón de profesionais que observan con pesar a realidade dos bancos e a mortaldade do marisco. Os socialistas defenden a rexeneración das rías ao tempo que urxen axudas económicas para a xente do mar que traballa nelas, así como emprender estudos rigorosos para coñecer a orixe da falta de recursos e pórlle solución.

O Goberno galego non quere ver a realidade dunha situación crítica

O compromiso do PSdeG tamén se estende ao cerco, "a arte de pesca máis sostíbel medioambientalmente e que redunda de forma directa na economía do país". Os socialistas galegos avogan por fomentar o consumo de peixe e introducir este alimento "dúas ou tres veces por semana nos menús dos comedores escolares" como hábito saudábel. Así, avanzan a "necesidade de recuperar un organismo simular ao desaparecido FROM (Fondo de Regulación e Organización del Mercado de Produtos da Pesca e Cultivos Mariños), que promova o consumo de peixe fresco ante o cambio de modelo de alimentación e cultural da sociedade e accións educativas en materia alimentaria.

Ademais, fronte ao "estancamento actual" da Consellaría do Mar, os socialistas comprometen a posta en marcha de medidas de apoio para a adaptación do sector a novos procesos, que inclúen a dixitalización total dos controis pesqueiros, así como unha colaboración estreita entre administracións e mesmo coa UE, "para conseguir obxectivos satisfactorios para os intereses galegos". Ante a parálise da Xunta, "que non executou o 51% do Fondo Europeo para a Pesca, un exemplo claro da súa mala xestión", o PSdeG reivindica a xestión dos fondos europeos por parte do sector pesqueiro para sacar adiante "proxectos innovadores" desde o punto de vista da tecnoloxía da robótica e dos da automatización da carga, descarga e manipulación de peixe, como da creación de novos produtos ou da prevención de accidentes laborais entre a xente do mar.

Comentarios